Carballo da Manteiga pecha curso e actuación en Ortigueira

amelia ferreiroa

LALÍN

miguel souto

Despois de celebrar onte asemblea, o colectivo lalinense convida ao público ao acto de fin de curso desta noite

29 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Carballo da Manteiga está a piques de pechar a súa actividade lectiva, que non reanudará ata o vindeiro mes de outubro, pero antes de facelo amosará esta mesma noite no Salón Teatro de Lalín, a partires das 20.30 horas, o traballo feito na aula nas distintas especialidades musicais.

Un curso que se pecha, e que a entender do presidente do colectivo José Ramón Vilela, foi altamente positivo e no que se engadiron tres novas materias: acordeón, cuxas clases impartiu Marcos Campos, canto tradicional e baile tradicional do que se ocupou Montse Rivera de Leilía. Os alumnos puideron escoller tamén percusión, asignatura que correu a cargo de Adrián Fernández, ou gaita. Ensinanzas que se levaron a cabo ao longo dos últimos meses e cuxos resultados se poderán apreciar esta noite, con entrada de balde, coas actuacións dos alumnos de iniciación para de seguido dar paso aos de acordeón, canto e baile e rematar cunha intervención da agrupación.

A Asociación Carballo da Manteiga, que celebrou na xornada de onte asemblea, deixou constancia do bo momento que atravesa o grupo que abrirá en setembro o prazo de matrícula para os alumnos interesados en tomar parte nas clases.

Por outra banda a agrupación lalinense afronta un verán cheo de actuacións. «Este sábado estaremos presentes no mercado sabatino que se ven celebrando en Lalín», explicou Vilela. Nas festas de lalinenses das parroquias de A Veiga e Santiso tamén actuará o grupo ao igual que na celebración da Malla de Doade, que está fixada para o próximo 19 de agosto. Con anterioridade haberá desprazamento ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira onde a agrupación tocará o 15 e 16 de xullo.