«Temos conversas con coros de fóra de Galicia para ir alí»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Para a Coral Polifónica de Lalín e o Coro Luís Areán achéganse meses cheos de actividade

18 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao eido formativo polo que sempre aposta a directiva e integrantes da Coral Polifónica de Lalín, que trae hoxe ata a capital dezá a Ramón Bermejo director do Coro da Ra, a agrupación afronta meses de saídas e múltiples actuacións.

-Teñen por diante unha xornada de formación intensiva.

-Así é. O curso será de 10.30 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Ramón Bermejo estará cos membros do Coro Luís Areán de 12 a 14 horas e o resto do día cos maiores. Sempre que programamos un curso de formación media xornada vai sempre adicada aos nenos. E mañán -por hoxe- tamén será así.

-Preséntase unha tempada primavera-verán con moitas saídas?

-Estamos mantendo conversas con con coros de fóra de Galicia para ir alí. A intención é poder actuar en Puebla de Sanabria, Ponferrada e Zamora, e logo dentro da comunidade xa está previsto facelo en Noia e en Barro. Estamos tamén traballando intensamente xa no vindeiro festival de outono, que se celebrará ao longo de tres fins de semana, e para o que contaremos cun coro de Teo e coa formación coral de Ponteareas. Antes, o 30 deste mes, teremos o noso festival coa participación das corais de Barro, Berres, o Coro Luís Areán e a Coral Polifónica de Lalín. Por outra banda para o 17 de maio, Día das Letras Galegas, queremos celebrar un concerto no casco urbán lalinense para o que estamos a buscar un sitio axeitado.

-E para o coro dos cativos, ¿que está previsto?

-O máis inmediato, entre marzo e abril, actuarán nas dúas residencias de Lalín. Posteriormente no mes de xuño, o día 11 concretamente, participarán en Barro nun festival infantil que se celebra alí e o 17 dese mesmo mes está previsto presentar nun festival «A viaxe de Coral», que son todas cancións de Disney.

-Estarán máis viaxeiros...

-Son cinco anos os que levamos traballando e os desprazamentos van dependendo das épocas.