«Hai explotacións con futuro que van pechar pola falta de relevo xeracional»

A veterinaria e gandeira de Lalín, Ariadna Fernández, aposta por dignificar o traballo no agro e incentivar a incorporación dos mozos ao sector


lalín / la voz

Ser mestra, pola moita admiración que lle profesa a súa tía Paz, era unha das profesións que lle rondaba pola cabeza a Ariadna Fernández González (Os Porcallos-Lalín) pero finalmente a convivencia dende a nenez cos animais puido máis na súa decisión definitiva e optou pola veterinaria; «de grandes animais, especialmente de gando vacún de leite, que predomina no noso concello».

-A veterinaria puido máis que a docencia.

-Dende que nacín convivo coa miña tía Paz que é profesora, e á que admiro, pero ao mesmo tempo sempre me gustaron moito os animais en especial as vacas que temos na casa. Recordo estar todas as tardes despois da escola acompañando a miña nai nas labores da granxa e ao meu pai no tractor facendo labores de labranza. Outra figura que admiraba era á do veterinario, era algo semellante a un heroe que aparecía para sanar os animais ou axudar nos partos complicados. Anos despois, con quince máis ou menos, tiven claro que quería adicarme á veterinaria.

-Compaxina a profesión coa actividade gandeira, ¿de que xeito?

-A maior parte do tempo da miña vida diaria adícoa a miña labor como veterinaria e no tempo libre que teño, que non é moito, tento colaborar cos meus pais que son os responsables reais da explotación. Ao chegar á casa cada día tento pasar polo establo xa que son a veterinaria das nosas propias vacas. Realmente o que máis ilusión me facía cando rematei a carreira era ser capaz de atender as vacas de meus pais que foron quenes me pagaron os estudos.

-Recentemente acaba de ver a luz a través das redes sociais un vídeo titulado «Isto é o que ti bebes» no que participou. ¿Como xurdiu esa iniciativa?

-A idea deste vídeo xurdiu coma unha maneira de colaborar con este sector que tan abafado está pola crise dos prezos. Nun principio non sabía como facer para levar a cabo unha iniciativa que puxera en valor esta maneira de vida e, logo de darlle voltas, comecei a pensar cun pequeno vídeo sería o xeito idóneo de chegar a moitos gandeiros. Falei co meu amigo Javier Hita, presidente do cineclube Dzine e deume nocións de como levar a cabo o traballo, axudoume a facer un guión e ensinoume como usar unha cámara que el mesmo me prestou. Entre os dous gravamos os planos, redactei un pequeno discurso do vídeo e logo José Manuel Rozas fixo a montaxe. A finalidade do traballo é dignificar a labor de cada gandeiro que axuda a que o leite chegue a casa de cada un cada día. Co vídeo quero que se saiba o que hai detrás deste produto: os medios, animais, a maneira de vivir unha profesión e especialmente a xente que vive dela. Espallámolo tan só polas redes sociais que foron as que nos axudaron a que chegara en pouco tempo a moitas persoas.

-Nos últimos anos moitas explotacións tiveron que pechar. ¿A situación tende a mellorar?

-O peche débese, ademais da forte crise de prezos que fai que non sexa rendible a produción, a que neste sector non hai suficiente relevo xeracional. Hai explotacións con futuro que van pechar á larga pola falta de fillos que se fagan cargo da empresa, como sucedería en calquera outro sector. É moi complicado que a xente se quede cun negocio que non da para vivir malia ás moitas horas de traballo e sen ter unha calidade de vida semellante a traballadores doutras empresas. A clave sería, ao meu modo de entendelo, apostar por dignificar o traballo e facer que a xente nova teña as cousas fáciles para incorporarse neste mundo. Sería clave para que o campo non quedara sen xente.

Vocación gandeira familiar. Di que seus pais son felices coa profesión, o mesmo que súa tía que muxe as vacas a diario e súa irmá, ao volver da escola, colabora tamén nas labores.

Agradecemento. Aos que colaboraron no vídeo con ideas e medios para que se convertese nunha realidade.

«O noso leite ten que mostrarse con orgullo e consumilo con satisfacción»

O peche das cotas lácteas e a proliferación das cooperativas gandeiras en Deza son dúas cuestións de relevancia para o sector respecto das que Ariadna, matiza, que as cotas crearon «un clima de falsa estabilidade que agora deixou paso ao caos, non sen antes endebedarnos coa compra de litros de cota que agora non son válidos».

-Deixaron un mercado «libre» con variacións de oferta e demanda brutais que repercuten de xeito directo no prezo que os gandeiros reciben polo seu produto.

-¿Debería de apostarse por una única macro cooperativa?

-A unión fai a forza, tamén no das cooperativas, pero non son quen de valoralo. O que creo é que deberiamos implicarnos por un fin común, deixando ideas individuais que non terían suficiente forza como para acadar un bo resultado para o sector.

-¿O futuro do sector podería estar nunha industria de transformación do produto en orixe?

-O produto dun lugar debería de beneficiar cando menos á xente que o produce e traballa por e para el. Creo cunha industria transformadora propia que mire por un prezo xusto para a ganancia de todos sería unha boa opción.

-¿Contamos cunha boa cabana gandeira?

-Nesta comarca unha boa parte do rural está vivo grazas á gandeiría. Son moitas as familias que traballan e viven disto e que fan que Lalín sexa un concello cunha cabana gandeira numerosa e que moitos habitantes dependan directamente dela. Este sector é merecente de xente que loite por el cada día, levando a cabo un traballo ben feito que convirta o noso leite nun produto digno de ser mostrado con orgullo e consumido coa satisfacción de beber leite galego de calidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«Hai explotacións con futuro que van pechar pola falta de relevo xeracional»