Daquel exclusivo «Casino de Caballeros» a Círculo de Recreo

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

O casino lalinense, cuxa primeira sede estivo en Donramiro, contabilizou corenta presidentes dende 1875

24 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A directiva do Círculo de Recreo de Lalín fíxose recentemente cunha listaxe dos presidentes que estiveron ao frente da entidade dende o ano 1875, nunha relación que foi atopada en secretaría e escrita a máquina, e da que o actual presidente Alberto Granja Bargados descoñece a súa autoría pero agradece enormemente a compilación de datos efectuada.

Unha ampla relación de quenes ostentaron a máxima responsabilidade do Círculo de Recreo dende o mes de abril do ano 1875 ata a actualidade e na que figuran uns corenta presidentes, dos que máis de media ducia exerceron como tal en varias ocasións. O primeiro presidente do Casino de Lalín foi, segundo a relación atopada nas instalacións da entidade, Gumersindo Goyanes que exerceu como tal entre abril de 1875 ata setembro do ano 1876. O relevo chegaría da man de Domingo Aller que só permanecería no posto dous meses, ata novembro, pero que voltaría a facerse coa presidencia do Círculo de Recreo dende xaneiro de 1886 ata xullo do 1888. Dende logo que a presidencia máis corta ao frente da entidade a tivo Manuel Chouza con tan só trinta días; de novembro a decembro do 1876. Por contra Benito Antonio Calviño foi o lalinense que máis anos estivo presidindo a entidade facéndoo en cinco ocasións (entre 1893 e 1894, do 1895 ata o 98, dende 1900 ao 1904, de 1908 a 1913 e por último dende 1919 ata 1923). Ulrico Fociños Valenzuela foi despois de Benito Antonio Calviño o que máis tempo se mantivo no cargo de presidente ao que accedeu en catro ocasións diferentes, que oscilaron no tempo entre xaneiro de 1894 e xaneiro de 1914, e Gerardo Fentanes Merino faría o propio en tres ocasións.

Ao longo da historia o casino lalinense tivo catro emprazamentos diferentes; o primeiro en Donramiro ao igual que a casa consistorial e o cárcere, segundo puntualiza o investigador e historiador lalinense Daniel González Alén. «Chamábase o «Casino de Caballeros» e, tal e como o seu nome indicaba, alí só podían entrar os funcionarios, persoas de carreira e os moi notables. Por suposto que ningún obreiro podía acceder ás instalacións». Posteriormente a entidade ocuparía un local, en réxime de aluguer, sito na esquina da rúa Principal coa actual Wenceslao Calvo Garra para de seguido irse a outra próxima nova ubicación que era onde estaba o Banco Bilbao. Finalmente, lembra Daniel González Alén, e debido a unha permuta levada a cabo nos anos 60 entre a entidade e a oficina bancaria, se trasladaría a sede onde se mantén aínda na actualidade.

Un Círculo de Recreo de Lalín que nunca estivo nos seus anos de vida en mans dunha muller, en boa medida polo feito de que non foi ata os anos 1997 - 98 que puideron facerse socias da entidade. «Ata entón podían entrar se eran as mulleres dun socio pero en calidade de socias non era ben visto como tampouco o era que foran, por exemplo, ás tabernas».