Ouro de carballo do pobo de Lalín para Daniel González Alén

La Voz DATA / AGENCIA LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rober Amado

As súas netas, Martina e Daniela, foron as encargadas de achegar á tribuna a distinción

11 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Texto

Daniel González Alén mudou onde os camiños por un vestíbulo do Concello de Lalín ateigado de veciños e amigos que quixeron acompañar a este lalinense ilustre nun acto no que se lle entregou a distinción da Folla de carballo de Ouro. Foron as netas do homenaxeado, Martina e Daniela, as encargadas de achegarse a tribuna para portar o emblema que lle impuña o alcalde de Daniel, Rafael Cuíña. Tras a colocación da distinción, Daniel González Alén escribiu no Libro de Honra do Concello: «Recibo con emoción e gratitude a distinción da Folla de Carballo de Ouro, que paga dabondo o labor deste cronista que tentou compilar e divulgar a historia e o patrimonio da comarca do Deza. Comparto este recoñecemento con cantos me teñen ensinado, axudado e animado neste cometido».

González Alén contaba onte que fai dou anos tras unha operación o medico lle dixo que levara unha vida normal e «con estas homenaxes, está un todos os días de emocións fortes» expresando o seu agradecemento por este «gran detalle para mín que é algo inesquecible» bromeando ao sinalar que «sempre pensei que traballaba por amor ao arte».

Un acto cargado de emoción no que soaron as gaitas da banda do Carballo da Manteiga e, a de plácido Rozas e no que interviron, por este orden, o tenente alcalde, Nicolás González Casares; o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; José Luis Rodríguez Jácome, para falar dos méritos do homenaxeado incluídos no expediente, o secretario do Concello que leu o acordo plenario e o alcalde, Rafael Cuíña, promotor da distinción e que lembrou as dadas por «un goberno que recoñece ás persoas».

Entre o público estaba unha ampla representación da sociedade lalinense, de autoridades, da corporación, do mundo do agro, das parroquias... investigadores, amigos, familiares porque como apuntaba na súa intervención o conselleiro de Cultura, o lalinense, Román Rodríguez «Daniel é un home construtivo, que fai pobo, que busca sumar. Unha persoa íntegra, inquieta, que sente orgullo polo noso, integrador, que pode mirar á dereita, á esquerda, arriba e abaixo».

O tenente alcalde, Nicolás González Casares, subliñou _ao igual que o facía o conselleiro_ a unanimidade da corporación no acordo onde se aprobou a distinción a González Alén e o definía como «un home que ama esta terra, a súa natureza, a súa historia, as súas xentes e cada recuncho do noso territorio que coñece como ninguén». Como «un home afable, retranqueiro e amable. Un home con gañas de saber, de atoparlle as tripas ao coñecemento do noso entorno. Unha persoa capaz de falar co noso pasado, de atopar respostas na historia da nosa vila, na recente e na mais antiga». Tirou de recordos de fai 40 anos para lembrar a un Daniel «portando un proxector de Super8 para mostrar na miña casa as gravacións que facía por toda a bisbarra do Deza» e «imaxes del con traxe de home rá buceando o Deza en Merza».

Tanto González Casares como Rodríguez intentaron recoller nas súas verbas o que é Daniel González Alén. Ambos coincidiron en falar del como un home curioso, inquieto, do que subliñaron o seu amor pola terra, pola historia. Os dous lembraron a familia de Daniel, a seu dona Marisa, as súas fillas Oliva e Autora, seu pai «o tío Xanete» e unha larga lista de méritos. O patriarca da cultura do Deza e o gran especialista da comarca, en verbas de Román Rodríguez, é para Casares «un home multimedia con moitos anos de adianto». Entre ambos os dous poñentes falaron da interminable lista de méritos dun home que é documentalista, xornalista, investigador e un largo etcétera. Como traballar incansable que é quixo despedir o acto cun audiovisual de Lalín e do Deza feito coa colabora do seu irmán Jesús nun acto no que González Alén recibou o agarimo do seu pobo.