Zobra recupera os vellos seráns da aldea con música e pinchos

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

A actividade, que está fixada para o 25 de xuño, parte da recén nada asociación Zobra Camiña

18 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dar a coñecer a súa parroquia e recuperar vellas tradicións están entre os obxectivos da Asociación Zobra Camiña, que recentemente se constituiu na localidade, e que preside María José González Acevedo.

Un colectivo que está a traballar na súa primeira actividade: un serán, que está fixado para o vindeiro día 25 de xuño a partires das 19 horas. «É o que antes se chamaba na parroquia unha «Rúa», segundo contan os maiores. Eran as vellas festas, as que había por aquel entón», explica Sara Fernández Muradás tesoureira da asociación. Festas á vella usanza nas que os veciños se xuntaban «nunha eira, nunha casa ou nunha corte e nas que cada un tocaba o que sabía e os outros bailaban». Xuntanzas de amizade e música que se celebraban sempre en xoves, sábados e domingos «nas que todo o mundo o pasaba ben e se divertía». Iso é precisamente o que buscan dende Zobra Camiña: divertimento e recuperación de vellas tradicións. «Queremos seguir co que se facía na parroquia. Buscamos continuidade das pandereteiras, das cantareiras e das rúas. A través das rutas de sendeirismo que xa están homologadas fomos quenes de poñer a parroquia no mapa, de que se nos coñeza, pero non podemos quedarnos só con iso. É preciso facer máis cousas».

Para dar a coñecer máis a parroquia está pois o serán que, baixo o nome de Cantares da Serra, reunirá en Zobra a formacións de varias localidades da contorna. Están convidados a participar no serán o grupo Ailola de Lalín, as pandereteiras de Vilatuxe, Camiño da Prata de Botos, Fiadeira de Antas de Ulla, ademais das agrupacións de Doade, Bandeira, Irixo, Zobra e o contacontos Celso Fernández. «Á marxe dos grupos cos que falamos, e se comprometeron a vir, está o serán aberto a todas as formacións que se queiran sumar á festa». A organización disporá tamén de pinchos para os asistentes e prégalle aos que se queiran quedar á cea que se poñan en contacto coa asociación antes do 23 de xuño. «Disporemos de tortilla, empanada, callos, queixo, pan e bebida. Custará 8 euros e precisamos saber con exactitude con cantas persoas imos a contar para dispoñer de comida suficiente para todos».

A Asociación Zobra Camiña xa comeza a perfilar outra iniciativas: unha andaina. «Estaba preparada pero como non podemos facer todo á par imos esperar un chisco para celebrala».