Combinacións xeométricas, cazoletas, ferraduras e cruciformes
Na rocha que aparece en plano inferior, unha laxe chá de uns 4 metros cadrados ao descuberto, óllanse mais dun cento de cazoletas que van dos 3 aos 6 centímetros de diámetro e ata 2 centímetros de fondo. Ao carón desta en plano superior unha peneda duns 3x2 metros atópanse media ducia de cruces, outras tantas cazoletas semellantes as anteriores, un circulo con radios a modo de cruz no interior -poderia ser unha espiral- e un par de ferraduras. Na terceira das rochas con gravados situada a dereita da anterior e de menor tamaño, os motivos son tres cazoletas e varios xeométricos de difícil interpretación. A última das rochas con gravados situada ao norte mesmo detrás das anteriores e a que presenta maior variedade de motivos nos gravados que contén. Pódense ollar media ducia de combinacións circulares con radios a xeito de cruces, unha ducia de cruciformes e varias formas xeométricas. Estes gravados lembran aos que temos localizados no Monte da Costa en Moimenta a menos de un quilometro de distancia.
A uns 200 metros ao sur desta estación rupestre e detrás da grande canteira, xa preto do cume do Coto do Castelo, nun penedal poden verse dúas ferraduras de uns 15 centímetros e malia rigoroso cacheo que demos a zona -con Mary Batán e meu irmán Xesús, compañeiros decote en moitas pescudas na procura do patrimonio dezao- non descartamos a existencia de mais gravados nos grandes penedais dos arredores que puideran salvarse das canteiras.