Lalín reúne a máis de 200 músicos no festival do Cocido

LALÍN

A presentación do festival xuntou músicos das 4 bandas.
A presentación do festival xuntou músicos das 4 bandas.

As bandas de Prado, Muimenta, Vilatuxe e Lalín comparten esceario o sábado ás 20 horas no Arena

26 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Lalín reunirá o vindeiro sábado sobre un mesmo esceario a máis de 200 músicos no Festival de Bandas que se celebrará no multiusos Lalín Arena a partir das 20 horas, coa presenza das catro formacións en activo na actualidade: as bandas de Lalín, Vilatuxe, Muimenta e Prado. Representantes dos colectivos presentaron onte o evento xunto co alcalde, Rafael Cuíña, e o concelleiro Juan José Cruz. O rexedor destacou a tradición bandística de Lalín, onde chegaron convivir unha ducia de formacións, suliñando a posibilidade de ver xuntas por vez primeira ás catro formacións actuais nun festival.

Antes do seu inicio, ás 19 horas, procederase na Praza da Vila á colocación dunha placa de recoñecemento a todos os músicos de Lalín, que se situará a carón da adicada ao desaparecido Luis Areán, explicou o alcalde: «Está máis que xustificado, pola tradición musical e o recordo aos músicos finados», que contribuíron ao gran nivel que amosan hoxe as bandas lalinenses.

Juan José Cruz agradeceu a predisposición das catro formacións, que serán presentadas por José Bugallo. Cada unha delas terá unha actuación individual duns trinta minutos, interpretando pezas que van do pasodoble a composicións galegas, para no colofón do festival xuntar aos preto de 220 músicos para tocar conxuntamente catro pezas: Ponteareas, Churrusqueira, Mozos do Penedo e o Himno Galego: previamente, interpretarán ?posiblemente a capella? o Himno de Lalín. De cara a vindeiras edicións, algún músico apuntou a posibilidade de incorporar ao repertorio A muiñeira do Cocido, opción que o alcalde atopou máis acaída que algunha das pezas que se escoitarán o sábado no Arena, como España cañí, ainda que en arranxo dun músico xaponés.