Artesán forxador forcaricense«Os acabados das pezas fágoos con tratamentos a base de ácidos e sales»

O mestre artesán volta a Lalín para amosar máis dunha vintena de obras


lalín / la voz

Técnicas usadas. Aposta polo repuxado de chapa en frío e quente e o forxado de aceiro templado en fragua tradicional de carbón. Usa principalmente aceiro como material de traballo combinado con madeira, pedra e cristal. Experimenta con novas técnicas de fundición para conseguir estéticas distintas.

Foi no ano 1999 cando por vez primeira se puideran ollar en Lalín traballos do forcaricense José Antonio Lalín Villaverde. Volta agora o artesano do ferro con novas creacións á capital dezá, que se poden visitar no espazo cultural Forum Dezae do Centro Comercial Pontiñas, ata o 31 de xaneiro.

-¿O seu interese polo ferro viña de tradición familiar?

-Para nada. Fixen estudos na escola taller de Lalín ao longo de dous anos e aí foi onde lle collín o gusto. Ao principio tíñao como unha mera afición xa que traballaba na empresa privada, pero agora decidínme a dar o paso para que isto se convertera no meu modo de vida. O ferro comezou a gustarme e xa me quedou no corpo!

-Falamos dunha profesión que require dun importante esforzo físico.

-A forxa require, en termos xerais, de moito esforzo e dedicación. Por outra banda as técnicas que uso precisan de bastante tempo para dominalas.

-¿Que tipo de técnicas son aquelas que ven empregando no seu caso?

-Eu forxo absolutamente todo a man en forxa tradicional de carbón. Nestas cuestións, coma en outras moitas, hai quen se decanta por técnicas máis modernas pero eu aposto polo estilo tradicional.

-¿Que pasos se seguen á hora de crear unha determinada peza?

-O primeiro á hora de facer unha obra é ter a idea do que queres crear. O segundo paso é o deseño; unha das partes máis complexas de todo o proceso creativo. Logo unha vez está a obra plasmada no papel, e sabes que é a que queres realizar, aí é cando colles o ferro en bruto para comezar a quentalo e á golpe de martelo vas dándolle a forma que queres conseguir.

-Un proceso longo antes de que a obra sexa unha realidade.

-É un proceso que leva tempo, moito, e tamén esforzo. Facer os acabados da peza, por exemplo, tamén require paciencia, esforzo e bastantes horas. No meu caso tampouco son dos que usa pinturas industriais para facer ditos acabados o cal supón aínda máis horas de traballo.

-¿Entón que tipo de acabados son os que adoita empregar?

-Eu son de facer as miñas propias pinturas. Os acabados das pezas fágoas con tratamentos a base de ácidos, sales, vinagres e auga. Hai que recoñecer que son acabados que no 90 % dos casos saen mal polo que non queda outra máis que repetilos ata que o resultado sexa perfecto. Leva máis tempo pero as pezas non teñen punto de comparación... Son acabados totalmente diferentes .

-¿Canto tempo precisa para elaborar unha obra?

-Unha das obras que se pode ver na exposición, que é a das cadeas -unha das miñas preferidas-, supuxo dúas semanas ben de traballo pero todo depende da peza e dos acabados. Na mostra que se apertura hoxe -por onte- pódense contemplar distintos estilos e variedades do que se ven facendo.

-¿Só traballa no eido da creatividade?

-Fago tanto pezas por encargo, ao criterio do cliente, como outras de creatividade propia. Tanto sae do obradoiro un moble que nos encargan como unha peza froito da miña imaxinación e de creación propia.

-¿Ata que puntos se espallan os seus traballos?

-De momento por todo o territorio español. Fóra do país non temos presenza pero nunca se sabe, todo se andará.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

Artesán forxador forcaricense«Os acabados das pezas fágoos con tratamentos a base de ácidos e sales»