«Ao nomearme pensei en meu pai, e en que algo bo semella que fun quen de herdar del»

amelia ferreiroa lalín / la voz

LALÍN

19 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Un traballo que lle encargou Daniel Varela Buxán sobre a comarca dezá, no ano 1972, deu pé a que este lalinense continúe profundizando na historia comarcal. Traballador incansable que ten no seu varios ensaios e obras en galego e castelán recollerá o premio de Toda unha Vida.

-¿Como recibe este recoñecemento?

-Emocionado e teño que recoñecer que o primeiro que pensei cando me nomearon foi en meu pai (Daniel González galardoado no ano 2009), e en que algo bo semella que fun quen de herdar del. Por outra parte isto creo que che obriga a cumprir máis, a esforzarte máis e a cumprir se cabe con máis ímpetu.

-Seu pai adicou tamén boa parte da súa vida a recompilar a historia e as vivenzas dunha comarca, ¿as súas fillas continuarán coa tradición familiar?

-Teñen outras orientacións. Vexo máis, ao mellor, que sexan as miñas netas quen o fagan pero polo de agora son moi novas.

-Varela Buxán foi quen dalgún xeito lle meteu o interese pola historia no corpo.

-Pedírame un artigo sobre a comarca que eu titulei «Lalín en apretada síntesis», logo con Alfredo García Alén -que era parente da miña nai- e que estaba no Museo de Pontevedra puiden ollar os ficheiros da comarca e veu por aquí Hipólito de Saa e de todos eles fun bebendo e foron meténdome nisto. Nestes anos puiden logo eu axudarlle a moitos veciños nas súas tésis ou tesinas; lémbrome -por exemplo- de Román Rodríguez o actual conselleiro de Cultura ou de Manuel Areán Lalín; secretario xeral de La Voz de Galicia.

-É home de pasear moito e de chegar ata o último recuncho das aldeas, aí foi cando dou cos achádegos de Moimenta.

-Está agora en mans de Patrimonio pero o meu desexo é que se fixera aí un parque arqueolóxico, xa que aí está explicada a nosa prehistoria.

-¿Algunha nova publicación a piques de ver a luz?

-Levo tempo traballando na ampliación do libro da Comarca do Deza, que se publicou no ano 1989 e do que se fixo unha reedición no 1997. A miña idea é engadirlle novos contidos e volcalo en formato dixital para que poida ser usado por todos. Pretendo que sexa un libro claro e asequible.

-O exalcalde de Lalín José Crespo sempre o denominada cronista oficial de Lalín...

-Foi unha cousa de Crespo. Era a súa teima pero en realidade sei tanto de Lalín coma dous outros municipios da comarca. Miña nai é de Silleda e tamén me sinto silledense. Respecto do de cronista estaba tan espallado que me chamaron da Asociación de Cronistas de España para que me sumara ao colectivo (risas).