Catorce novos inspectores de educación, un deles de Lalín

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

O conselleiro de Cultura deu a benvida aos profesionais que recén accederon aos seus postos, entre os que figura Luis Jar

30 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que tomou parte na primeira Xornada de Inspección Educativa 2015/2016 que se celebrou en Santiago, aproveitou tamén para darlle a benvida aos catorce novos inspectores de educación entre os que se atopa o lalinense Luis Jar Pereira.

O que fora profesor de Bioloxía no IES Laxeiro da capital dezá nos últimos dezaséis anos, e formara parte dos órganos directivos do centro, apostou por adicarse a «outra faceta do eido educativo», segundo comentou e leva exercendo como inspector de educación dende setembro. «Ao levarmos só un par de meses, polo de agora, é un momento aínda de aterraxe nestes postos nos que estamos para sermos e exercer como os contactos entre administración e centros de ensino», comentou este lalinense cunha dilatada carreira no eido do ensino e que agora exerce na zona de Compostela. Jar Pereira ao igual que os seus compañeiros participou na xornada educativa, que reuniu no Museo Pedagóxico de Galicia a uns setenta inspectores, que estiveron a analizar o plan de traballo de cara a este curso académico e na que se someteu a debate dos asistentes a Estratexia Galega de Convivencia Escolar así como a protección de datos nos centros educativos.

O titular da carteira de Educación, o lalinense Román Rodríguez, salientou o traballo da Inspección Educativa como un elemento fundamental para garantir, dixo, «un sistema educativo de calidade cos metas postas na busca da excelencia». O conselleiro tamén puxo en valor as xornadas de formación coma esta na medida en que permiten a actualización de coñecementos e intercambio de experiencias sobre asuntos de actualidade. Engadiu na súa intervención que «a formación permanente e o traballo en equipo consitutúen os piares básicos no sistema educativo que se incentivan con encontros desta índole», referíndose á mencionada xornada de inspección educativa.

Rodríguez aproveitou a súa presenza na xornada para trasladarlle aos inspectores o firme apoio do departamento educativo na aposta pola mellora do sistema e da calidade do ensino. Un acto ao que asistiron tamén entre outros o director xeral técnico da consellería, Jesús Oitavén, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.