«Ao non estar no mesmo grupo o partido faise máis especial»

M. G. A estrada / la voz

LALÍN

11 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Adrián Peiteado, defensa, é o capitán do Estudiantil e un dos xogadores con pasado rojillo que militan no clube celeste.

-¿Tómase de xeito especial este partido?

-É un derbi e ao non estar no mesmo grupo de Preferente faise máis especial. Ao non estar no grupo deles e do Lalín é especial xogar contra calquera destes dous equipos.

-Están en diferentes posicións na liga, vostedes loitando por saír dos postos de perigo e o Estradense xa nunha cómoda posición e no pelotón que loita polo ascenso, ¿pode influír moito esta traxectoria previa no choque desta noite?

-En principio é un partido diferente, unha eliminatoria a un único encontro. Animicamente quizás eles cheguen mellor ca nós, están nun bo momento, e a nós non nos saen moito as cousas. Estar abaixo e saír de aí é difícil, non é nada fácil.

-¿Pode haber menos presión precisamente por iso?

-É un partido que sempre queres gañar, calquera dos dous.

-¿Que destacaría do Estradense?

-Coñezo os xogadores máis veteranos. O perigo son Unai, Vicente, Manuti, José Ramón... Pero non sei como están xogando, non sei en que plan virán mañá (por hoxe).

-¿Cales teñen que ser as armas do Estudiantil para gañar este derbi?

-Ter algo de sorte cara o gol, que é o que nos está custando bastante, e manter a seguridade que estamos tendo atrás.

-Atrévese cun pronóstico para este choque estradense copeiro...

-Querer quero que gañemos, deso non hai dúbida. Pero un resultado do partido non sabería dicilo.

-Xa referente a liga, nos últimos partidos ao Estudiantil resísteselle o trunfo. ¿Por que pasan as opcións de saír desa zona de perigo dese grupo Norte?

-Sempre nos adiantamos pero costanos sentenciar. Temos moitas ocasións pero a medida que temos en contra, xa nos empatan. Agora os rivais que nos veñen son da parte alta. O que non podemos é fallar contra os do grupo de abaixo, que é no que agora estamos, e intentar puntuar todo o que se poida.