«Apostamos polo consumo de produto de proximidade»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

A Asociación da Praza de Abastos de Lalín e sete locais de hostalaría promoven a nova edición de «A Praza en Tapas»

22 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cun acto de presentación das diferentes tapas que se poderán degustar ata fin de mes arranca hoxe na Praza de Abastos de Lalín unha nova edición de «A Praza en Tapas», unha iniciativa que parte -nesta ocasión- pola asociación que aglutina aos praceiros locais e entre os que se atopa Lucas Requejo de Ultra-Alimento.

-Estamos ante o inicio desta segunda edición que presenta algunhas diferencias respecto do ano pasado...

-A primeira edición de «A Praza en Tapas» fora o 3 de maio en aluisón á feira «da porreta» de Lalín e coa idea de recuperala. Neste segundo ano pensamos en facer disto un evento máis local coa inclusión de máis locais de hostalaría e da propia praza. A organización desta edición corre a cargo da Asociación da Praza de Abastos de Lalín e conta coa colaboración de sete establecementos de hostalaría da vila.

-Quenes se sumaron á iniciativa?

-Os locais que apostaron por participar nesta nova edición son A Cunca, Molinera, Agarimo, Cervexería Laxeiro, Taberna a Lareira, Pazo de Bendoiro e Cabanas.

-Que buscan coa posta en marcha dunha actividade gastronómica desta índole?

-É unha chamada para que se vexa que a hostalaría local consume na praza e que a partires de aí, e de maneira conxunta, creamos unha oferta gastronómica de balde para toda a xente que se achegue á praza.

-Cal será o fío condutor das tapas que se oferten á clientela?

-Cada establecemento ofertará e presentará o que considere, a súa esencia. O que queremos é trasladar ao público en xeral que o feito de que unindo a hostalaría local e o comercio se pode crear unha oferta gastronómica moi interesante coma esta. É unha aposta firme polo consumo de produto de proximidade e polos que se poden atopar aquí, na propia praza lalinense.

-Actividade que redundará nunha maior dinamización da propia praza?

-Entendemos a praza, o edificio, como centro neurálxico que debe de ser do pobo. É unha aposta polo produto fresco e de calidade e iso é o que se lle quere transmitir aos clientes. Nós, pola nosa banda, imos adaptándonos aos novos tempos e tentamos ir mellorando en todos os aspectos. O que constatamos é que cada día pasa máis xente pola praza e, o que ven de novo, repite.

-Como se establecerá a rolda de degustación de tapas?

-Xoves -por hoxe- faremos unha presentación cunha pequena mostra de cada unha das tapas que elaborarán os sete locais que participan nesta segunda edición e logo cada día tocaralle a un establecemento distinto, ou a un par deles dependendo da programación establecida. Así este venres estará presentando as súas tapas o Restaurante Agarimo; o sábado está previsto que sexan A Cunca e a Taberna A Lareira, o xoves día 29 tocaralle ao Pazo de Bendoiro, o venres será o Restaurante A Molinera e o último día, o 31 sábado, pecharán as xornadas a Cervecería Laxeiro e o Cabanas.