«Din que me dan o premio polo ben que se come»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

LALÍN

25 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Aos seus 72 anos, Ermitas Bolaños Yañéz (As Ermitas, O Bolo) seguía onte traballando no bar Taxi de A Rúa. Como outro día máis dos seus xa 45 anos entre fogóns preparando as comidas, e entre mesas, para servilas. Só que onte non era un día calquera, era o día no que lucía fachenda despois de saberse gañadora do premio a toda unha vida na hostalería que o Concello de Lalín outorga no marco do seu premio gastronómico.

-Despois de tanto tempo non será o primeiro que recibe...

-O primeiro, e gracias. Será ben merecido, ¿non? Dixéronme que mo daban polo ben que se come aquí, e é certo, porque aquí é todo comida caseira.

-¿Ilusionada, pois?

-Claro que me fai ilusión. É un recoñecemento ao traballo, a un traballo moi duro.

-Xa pode retirarse...

-Podo cando queira, pero dáme pena facelo, porque me gusta o traballo. E mentres teña saúde, penso seguir aquí.

-É un recoñecemento á súa labor na cociña, pois tamén se encarga dos fogóns, ademais de servir...

-¿E quen senón? Cociño eu, toda a vid. Estou toda a mañá, desde as dez, preparando o que vamos servir ao mediodía.

-¿E que buscan os clientes?

-Sobre todo comida caseira, é o que pregunta todo o mundo. A xente non quere cousas raras, vén aquí buscando callos, chipiróns, carne mechada, coello con champiñóns... E o consomé, que é típico do Taxi, o caldiño.