Carta a Noni Araújo

José Crespo, alcalde de Lalín

LALÍN

31 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Mantiven una conversa nos últimos días con Noni Araújo sobre o Pazo de Liñares que me puxo sobre a pista de documentación moi valiosa sobre a historia deste «pazo de tódolos lalinenses». Aparte dunha conversa agradable con ela, quedei admirado pola entrega que ten aos temas culturais da nos aterra e, en especial, a cultura pacega.

Deixoume abraiado o coñecemento que ten do Pazo de Liñares e, incluso, da documentación que podemos conseguir do mesmo, como vivencias de Loriga co seu preceptor en Madrid. Entre a documentación cuxa existencia me revelou figura un libro de cociña cos menús que se ofrecían en Liñares ou unha poesía adicada ao noso pazo escrita polo poeta da raza, Ramón Cabanillas, despois dunha estadía nel. Poema, que a propia Noni me recitou de memoria.

Noni Araújo ofreceuse de xeito desinteresado e altruísta a visitarme en compañía dun coñecido, que atesoura, probablemente, o coñecemento máis importante que se pode ter da persoa e da familia de Joaquín Loriga e de onde podemos obter máis documentación sobre a historia do pazo.

Non cabe dúbida que ante tal ofrecemento non podo menos que dicirlle que estou a súa disposición para que cando poida achegarse a Lalín me conte polo miúdo, xunto á persoa referida, toda a información da que dispoñen para no futuro ter una brillante colección de información sobre todo aquilo que ten que ver con Liñares. Só co que Noni coñece e o que me adiantou se atopa recollido, xa é dunha transcendencia importantísima.

Descubrimos a cada paso que o de Liñares foi un pazo fascinante, cunha interesante traxectoria histórica marcada por destacados persoeiros.

Agradezo, como alcalde de Lalín, a preocupación desta estradense por ese icono da nosa arquitectura pacega e animo a todos os que teñan información ou documentación, directa ou indirecta, sobre o pazo de Liñares ou de Xoaquín Loriga, ao igual que fixo Noni Araujo, se poñan en contacto co Concello para tratar de recompilar a maior cantidade posible de información sobre o pazo. Unha información que servirá, unha vez remate a obra, para ter máis enfocado o seu futuro e adicación.

Si dona Emilia Pardo Bazán lle adicou os cualificativos que lle deu e Ramón Cabanillas fixo o propio, algo especial debía ter Liñares e ese algo temos que poñelo en valor.

Moitas grazas, Noni, pola túa contribución que nos fas desde as terras amigas de A Estrada e transmítoche a miña gratitude en nome do pobo de Lalín.