Os seareiros do balonmán quedáronse onte coas ganas de gozar co balonmán de elite. A disputa do encontro amigable previsto entre o Balonmán Lalín e o Octavio de categoría Asobal viuse truncada pola condensación do pavillón municipal de Lalín, así como pola falla doutra instalación en condicións e libre para xogar. Como xa ocorreu a semana pasada, a humidade que asolaga á instalación deportiva lalinense convertía a pista en demasiado esvaradía como para arriscarse a sufrir lesións. A pesares de que nun primeiro momento se sopesou o uso de canóns de aire quente para habilitar o Municipal, esta opción quedou desbotada e o vicepresidente do Balonmán Lalín, Higinio Gulías, iniciou un periplo telefónico na procura dunha pista en condicións e libre na que xogar o amigable. A primeira opción foi o Coto Ferreiro, que aínda que nun primeiro momento tamén se viu afectado pola humidade, semellaba estar válido; sen embargo, a coincidencia do amigable con adestramentos xa previstos obrigou a abandonar esa opción. Ata primeira hora da tarde barallouse o pavillón do compostelán colexio La Salle, ou pistas de Cuntis, Caldas, Melide ou Arzúa, pero ningunha se atopou nas condicións requiridas, obrigando ao BM Lalín a desistir na súa busca de pista.
Tras explicar todo o acontecido ao Octavio, o club académico ofreceuse a viaxar esta noite ata A Estrada, onde xa estaba previsto o adestramento do Buda, pero a disputa do amigable hoxe quedará de novo supeditada á situación na que se atope a cancha. De poder disputarse, o encontro terá lugar ás 21 horas.