Bamarti defende en Noia o liderato do Campionato Galego de Ralis

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo A ESTRADA

LALÍN

MIGUEL SOUTO

O estradense reivindícase como o rival a bater nunha das probas «máis esixentes» do calendario O piloto da Escudería Lalín-Deza lamenta a máis que probable choiva na carreira

20 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

José Miguel Martínez Barreiro, Bamarti, correrá mañá o XXII Rali Ría de Noia, segunda proba do calendario do Campionato Galego. O piloto estradense da Escudería Lalín-Deza defenderá o liderato xeral conquistado no Rali do Cocido a comezos de mes, e faráo ante os mesmos rivais que tivo na proba lalinense: o seu compañeiro de equipo Luis Vilariño (Renault Clío Super 1.600), Alberto Meira (Mitsubishi Lancer EVO VIII), Pedro Burgo (Mitsubishi Lancer EVO IX), Roberto Blach (Subaru) e Manuel Senra (Peugeot 306 Kit Car). Burgo e Blach si poderán correr en principio, ao contrario cá no Rali do Cocido, onde a Garda Civil llelo prohibíu polas matrículas vermellas dos seus coches. Fronte a estes rivais, Bamarti reivindicábase como o rival a bater: «Agora son os demais os que teñen que correr contra nós». «Pola nosa parte», engadíu, «imos imprimir un ritmo forte», se ben o estradense entende que «o de Noia non é un Rali para arriscar demasiado, por ter un coeficiente 6». O piloto da Escudería Lalín-Deza, que tamén defende o seu primeiro posto por equipos no Campionato Galego empatado a puntos coa Surco, lembra que «o Rali de Noia é un dos máis esixentes para os pilotos do calendario, con moitos abandonos. Conta con treitos nos que se mesturan partes moi rápidas con outras moi lentas». Por riba, sinala Bamarti, «as previsións son de choiva. É unha pena que chova agora, e non cando iamos co Mitsubishi, ao que lle beneficiaba máis o mollado».