Historias, romances e títeres dende O Cebreiro a Santiago

AMELIA FERREIROA LALÍN

LALÍN

Seisdedos fará o Camiño Francés e ofrecerá representacións en doce albergues O grupo Seisdedos de Lalín representará a súa obra «O cego dos monifates» en doce albergues ó longo do mes de xullo aproveitando a peregrinación que farán dende O Cebreiro ata Compostela polo Camiño Francés. As xornadas dividiranse en etapas de tres días comezando o día 1 e rematando o 24 en Santiago. Esta novidosa iniciativa, que xa realiza Seisdedos pola súa conta no tramo Roncesvalles-Logroño, está subvencionada polo Xacobeo.

06 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Os lalinenses Anxo García e Iñaki Vilariño, membros de Seisdedos, percorrerán o Camiño Francés dende O Cebreiro ata Santiago dun xeito novidoso xa que representarán a súa obra «O cego dos monifates» en doce refuxios de peregrinos. As actuacións levaranse a cabo en O Cebreiro, Fontefría, Samos, Sarria, Melide, Arzúa, Arca e Santiago, entre outras localidades. Seisdedos convidará ós habitantes de cada pobo a tomar parte na función mediante un pequeno pregón e representando un pequeno fragmento da obra. «O cego dos monifates», unha peza que se está a representar tamén nas parroquias lalinenses dentro da programación de Circuítos Culturais no Rural, básase nun cego e un lazarillo que contan historias, cantan romances con zanfoña e remata cunha representación de títeres. O grupo lalinense Seisdedos pretende con esta peregrinación-función ó longo de 140 kilómetros recoller historias de boca dos propios peregrinos que poidan atopar no treito O Cebreiro-Santiago. No ano 1999, Seisdedos xa levara a cabo de xeito experimental unha actividade semellante realizada no tramo Roncesvalles-Logroño onde puideron recoller algunhas historias contadas polos peregrinos. Nesta ocasión o grupo lalinense levará un coche de apoio co material preciso para o espectáculo e convita ós cidadáns a acompañalos na viaxe que se fará en xornadas divididas en etapas de tres días.