A Festa do Gaiteiro: 12 horas continuas de celebración e un chaleco de museo
FORCAREI
Unha réplica da famosa chaquetilla de Castor Cachafeiro expoñerase no auditorio
14 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Soutelo de Montes celebrará o próximo sábado, 22 de agosto, a súa cuadraxésimo sétima Festa do Gaiteiro. Non será unha edición máis. Será unha moi especial: por recuperar as Medallas do Gaiteiro de Soutelo, por incluír a presentación dun mural e dun chaleco cheos de significado e por ofrecer doce horas continuas de programación sen pausa.
O programa foi presentado este xoves pola alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, e o músico e investigador Rubén Troitiño, gran coñecedor do legado dos Gaiteiros de Soutelo e un dos catro premiados neste retorno das Medallas do Gaiteiro.
Desde as 11.00 horas ata preto das 23.00, Soutelo acollerá un animado programa salpicado de intres emotivos.
Todo comezará ás once da mañá cun pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas de Forcarei. Media hora despois o auditorio acollerá a presentación oficial da nova ubicación do mural de Avelino Cachafeiro Voando cas aas da vida. Este mural —que ilustra o poemario homónimo publicado polo Gaiteiro de Soutelo en 1969 con prólogo de Otero Pedrayo— atopábase na casa orixinaria do artista, no edificio da antiga discoteca Changüí. Cando a casa familiar se puxo á venda, intuíndo que o mural podería correr risco de desaparecer, Francisco Alberte Fírvida doou o mural ao Concello de Forcarei, que o reubicou na entrada do auditorio de Soutelo. A obra —unha especie de anxo-gaiteiro— será presentada oficialmente este día 22 de agosto.
Galardóns no peito
A continuación, tamén no auditorio, presentarase a réplica do chaleco de Castor Cachafeiro, un dos irmáns de Avelino e integrantes do mítico grupo dos Gaiteiros de Soutelo (composto pola pai e os tres irmáns Avelino, Bautista e Castor). Castor lucía sempre un chaleco cargado coas medallas que ía recibindo. Unha réplica desde chaleco foille doada pola Irmandade Galega en Caracas no ano 2006 ao ex alcalde de Forcarei, David Raposeiras, coincidindo co centenario do nacemento de Castor. Esa réplica do chaleco presentarase agora nun manequín no auditorio de Soutelo de Montes, onde quedará enmarcada e exposta a prenda a partires de agora.
Ás doce do mediodía os actos trasládanse á Praza dos Gaiteiros, onde a alcaldesa, Belén Cachafeiro, dará a benvida e o paso ao pregón, que correrá a cargo de David Bellas, profesor no Conservatorio Profesional de Viveiro, compositor e participante en proxectos de músicas históricas nos grupos Pres de Cambrai, Chruinne e Grupo de Música Antiga 1500 e colaborador con Xabier Díaz, Susana Seivane, Os Diplomáticos de Monte Alto ou Boyanka Kostova.
Deseguido entregaránselle as Medallas do Gaiteiro aos irmáns Avelino e Francisco Alberte Fírvida —a título póstumo—, a Xosé Manuel Rivas Troitiño e a Rubén Troitiño García. Tamén haberá unha mención especial para Tista (Juan Bautista Alberte Fírvida), o único sobriño vivo do Gaiteiro de Soutelo, que foi un dos primeiros en recibir a Medalla do Gaiteiro.
O acto máis institucional da Festa do Gaiteiro pecharase coa tradicional ofrenda floral ante a escultura dos Gaiteiros, ao son do Himno Galego.
Despois, de 12.45 a 13.45 horas a Praza dos Gaiteiros acollerá a actuación la Asociación Cultural e Folclórica O Fiadeiro de Vigo, que ofrecerá un espectáculo de danza e música subvencionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Xantar no Parque Venezuela e concerto final de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
Tra-la xornada matutina, a Festa do Gaiteiro proseguirá cun xantar popular no Parque Venezuela, a partir das 14.00 horas. Os participantes poderán levar o seu xantar para a merenda campestre ou, se o prefiren, encargar a comida na polbería que se instalará na zona (Fuchela: 646 072 111).
No propio parque, a música volverá soar a partir das catro da tarde, hora para a que está prevista a actuación de Os Charanghaitos de Forcarei. Ás 17.15 horas tomará o relevo o grupo Sete Ferrados, chegado desde Frades. Unha hora despois comezará a ruada libre, á que poderán sumarse todos os músicos que o desexen.
A partir das 19.30 horas a festa trasladarase á Praza dos Gaiteiros, onde o grupo da Asociación Cultural Sadeo de Ponteareas ofrecerá un espectáculo de música e baile. O programa pecharase cun concerto (Praza dos Gaiteiros, 21.00 horas) de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, enmarcado no programa +Música da Deputación Provincial de Pontevedra.
A alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, presentou onte o programa da Festa do Gaiteiro xunto ao músico Rubén Troitiño, que xa fora pregoeiro da cita no ano 2021 e que, segundo valorou Cachafeiro, é un piar fundamental da recuperación da tradición musical da comarca e da organización da Festa do Gaiteiro.
De Fraga a Milladoiro
Cachafeiro considerou necesario recuperar as Medallas do Gaiteiro para recoñecer a difusión do patrimonio musical galego. As medallas concedéronse do ano 2002 ao 2011 e distinguiron a persoas, agrupacións e institucións como a Familia Fernández Gancedo de Romeor, Wenceslao Cabezas del Toro, Polo; Manuel Fraga Iribarne, Antón Corral Martínez, Xosé Manuel Seivane Rivas, Milladoiro, Carlos Núñez, o Centro Galego de Santander ou Juan Bautista Alberte Fírvida.