Belén Cachafeiro: «Queremos devolverlle a credibilidade ao Concello»

d. cofán A ESTRADA / LA VOZ

FORCAREI

cedida

A aspirante popular confía en acadar a alcaldía e aposta por recuperar o pulso do dinamismo e racionalizar as decisións ao facer proxectos

24 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Belén Cachafeiro (Oviedo, 1968) encabeza a lista do PP en busca de desbancar ao PSOE do goberno. Empresaria, é copropietaria dunha asesoría laboral-fiscal. Foi deputada provincial entre 2015 e 2019 e dende fai dous é deputada autonómica.

—Como valora a situación política actual?

—Resúmoa no seguintes eixos: falta de rigor nas actuacións, falta de transparencia na xestión, falta de democracia e diálogo coa oposición e autoritarismo no proceder.

—Cal é obxectivo do PP para o 28M?

—Restaurar ó rigor, a transparencia, a liberdade de expresión e a xestión da que carece o goberno local e facelo a través das canles legais e normativas.

—Cómo valora a súa lista?

—Vanme permitir que tire da ironía para contestar que non temos intención de atraer votos dos nichos. Imos persoas con ilusión e gañas de traballar no noso pobo e contribuír ó seu crecemento. As persoas ás que nos diriximos teñen a mesma ilusión que nós: facer de Forcarei o mellor concello para vivir, traballar e desfrutar.

— Ve factible recuperar a alcaldía?

—E totalmente factible, urxente, crible, necesario e de xustiza polo traballo de control serio feito dende a oposición, a pesar de privarnos de información e diálogo.

—Eixes que vertebran o seu programa.

—Devolver a Forcarei á responsabilidade na xestión, a que volva a aprobar orzamentos e a emprender novos proxectos. Devolverlle ao Concello a credibilidade ante as administracións e institucións, cumprindo en coa normativa igual que cumpren o resto de veciños. Restaurar a liberdade de expresión nos plenos, a transparencia da xestión, a escoita e a legalidade. A axilización dos pagos para que os provedores cobren pronto e as asociacións e veciños perciban as axudas ao momento e coa seguridade de amparar e protexer a quen máis o necesita.

—Nestes anos na oposición que aprendeu?

—A sensación é de total incredulidade. Hai tanta falta de información ao cidadán, todo é manipulación e terxiversación a través de fotos e noticia rápidas a través de canles non apropiados. Aprendín a tirar da ironía e do sentido do humor para poder moverme «no mundo do absurdo ante tanta realidade». Aí están os plenos, de acceso a todos os veciños facilitados por nós e que non enganan, disfrazan ou terxiversan os contidos. A condición de deputada no Parlamento ofrece uns contidos, un aval e un aprendizaxe, que de xeito positivo e humilde recollo como reforzo para recuperar a maioría absoluta que Forcarei necesita.