Oposición dende o goberno en Forcarei


Esta mesma semana, e con motivo do acceso á documentación que lle corresponde a todo grupo municipal, a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, lanzou uns grandilocuentes titulares acusándome de delicto penal e, por elo, para defender o meu honor e a miña imaxe, véxome na obriga de explicarlle o caso aos veciños.

Hai bastantes semanas solicitei copia de certa documentación para facer a miña labor como concelleira. Repito, copia, para levar e estudar con calma. Malia a resistencia do goberno local, que algo debe ter que ocultar porque lle custa moito darnos acceso aos expedientes, avisáronme de que podía ir retirala. Achegueime ao Concello e unha funcionaria doume dúas carpetas, sen ningún tipo de inscripción e que nin abrín, e fixen outras tarefas antes de irme con esas carpetas que, supostamente, eran as copias que tiña solicitado. Pola tarde avísanme de que tiña que devolvelas e critican que me levara os orixinais. Máis aló da anecdótica circunstancia, non sei se o goberno entregoume a propósito estes documentos para poder reprocharmo (como resposta ao mal que levan as primeiras críticas que facemos á súa xestión) ou son tan neglixentes que non saben nin a documentación que entregan. En calquera caso, eu non levei nada ás agochadas e o goberno é o único responsable da custodia dos expedientes municipais. Xa non é que xestionen mal, é que non saben nin ter a salvo unhas carpetas. E para rematar os feitos, quería comentar a resolución que me fixo a rexedora, na que resolve “recordarme dous artigos do Código Penal”. Anticípolle por este medio, que non é preciso ese recordatorio, e os meus sete anos e medio á fronte do Concello de Forcarei, así o demostran. Ademáis, qué tipo de resolución é esa?

Agardo que con esta explicación os veciños coñezan ben os feitos, pero teño moi claro que xa saben de sobra o que hai porque en Forcarei nos coñecemos todos e saben perfectamente quen son e o que fago, cos meus acertos e cos meus erros.

Sinceiramente, cremos que foi unha montaxe para tratar de xustificar con excusas baratas a súa intención no futuro de entorpecernos aínda máis o acceso á documentación, porque xa sabemos de varias irregularidades: facturas pagadas por anticipado sen cumprir a normativa de servizo feito, facturas a familiares, comidas… en definitiva un mal uso dos cartos de todos.

E, ao goberno local pediríalle que se poña a gobernar, que nos últimos catro meses a maior parte das necesidades dos veciños están sen atender e o único ao que se adican é a facer fotos e a exercer de oposición da oposición. Forcarei necesita un goberno e polo de agora non o ten, porque están máis preocupados en respostar ás nosas críticas á súa nula xestión que en dirixir este Concello, supoñemos que porque seguen sen crer que chegaran ao poder. En definitiva, a democracia do Pleno colocou a Verónica Pichel e ao PSOE no goberno de Forcarei e nos aceptámola e puxémonos a traballar como oposición. E é o que imos facer, imos criticar a súa xestión cando creamos que corresponda, imos facer propostas e temos dereito e deber de fiscalizar a acción do goberno, e así o deben aceptar democraticamente, pero resístense. Queren un goberno sen críticas e por iso lles custa tanto darnos a documentación. Pero nós imos estar aí, loitando todos os días pola defensa dos intereses xerais dos veciños e do noso proxecto, que lembramos que foi o máis votado nas eleccións de maio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Oposición dende o goberno en Forcarei