Manuel Taboada, alcalde en funcións de O Pino: «Fomos quen de facer case todo o que prometemos»

m. R. SANTIAGO / LA VOZ

FORCAREI

Álvaro Ballesteros

Repetirá de novo despois de vinte e cinco anos na alcaldía, un cargo que enche as súas expectativas

13 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Taboada, alcalde en funcións do Pino, repetirá como rexedor outro mandato máis, sendo un dos políticos máis veteranos da área de Compostela sen perder case votos, aínda que gobernará con seis edís, un menos que agora.

-Que valoración fai do 26M?

-A veciñanza soubo apreciar e valorar o traballo que leva facendo o equipo de goberno do PP. Se non estivesen satisfeitos, estou seguro de que terían votado a outras opcións políticas. Para nós é unha satisfacción ver que o traballo deste mandato foi recompensado co apoio do 55,48 % dos veciños e veciñas.

-Que pensa que foi o que motivou tan bo resultado?

-A seriedade, o compromiso e a dedicación de todos os integrantes do goberno. Fomos quen de facer case todo o que prometemos na campaña electoral do 2015. Dispoñemos de servizos que para si quixeran outros concellos, fomos quen de fixar poboación e atraer novos veciños, temos aprobada unha nova depuradora que estará funcionando para o vindeiro ano santo, e o servizo de axuda no fogar atende a demanda veciñal en menos dunha semana. A nosa oferta deportiva e cultural está ao nivel de municipios de moita máis poboación, e en Pedrouzo hoxe dispoñemos de contedores soterrados que axudan a coidar o medio ambiente, favorecen a reciclaxe e dan unha mellor imaxe.

-Aínda así, a oposición gañou peso e o PP terá unha maioría absoluta pola mínima. Como pode afectar isto ao xeito de traballar?

-Vendo o que pasou en moitos outros concellos de toda España, ter maioría absoluta para nós xa é un éxito. De cara ao futuro, nós seguiremos poñendo no centro da nosa acción de goberno a todos os veciños e veciñas do Pino. Seguiremos escoitando as propostas da oposición e, sobre todo, as necesidades da veciñanza para tentar resolvelas na medida das nosas posibilidades. No noso programa electoral xa anunciamos cales ían ser algunhas das prioridades do noso goberno, e seguiremos abertos a outras propostas.

-Cales son esas prioridades?

-Baixaremos o recibo da contribución, na parte que lle corresponde ao Concello, tanto ás explotacións gandeiras como aos bens rústicos e urbanos, e reduciremos o recibo do lixo nun 10 %. Aprobaremos unha ordenanza para regular o uso de pisos turísticos, e apoiaremos aos nosos hostaleiros con cursos de idiomas e concursos gastronómicos. Abriremos unha nova rúa que conecte o colexio público coa avenida de Santiago para mellorar o acceso ao centro educativo e mellorar a seguridade viaria. Queremos poñer en marcha o primeiro centro de día do municipio, incrementaremos o persoal no departamento de Servizos Sociais e ampliaremos as prazas da escola infantil A Galiña Azul, e imos poñer unha cuberta no parque infantil da praza de Forcarei para que os nosos nenos e nenas poidan gozar durante máis días ao ano desta infraestrutura. E reforzaremos os programas de conciliación familiar e laboral sen descoidar a nosa xa ampla oferta cultural, educativa e de mantemento das infraestruturas e rede viaria do municipio.

-Vostede é un dos alcaldes máis veteranos. Como ve o seu futuro?

-Levo vinte e cinco anos en política, todos eles dedicados aos veciños e veciñas do Pino, traballando dende o Concello, primeiro como concelleiro e, dende 1996, como alcalde. O meu futuro político seguirá vinculado ao concello do Pino. Este é o meu lugar e son as miñas aspiracións, e a veciñanza sábeo. Penso que ese é outro dos motivos do noso éxito.