O escudo do Concello de Forcarei, en evolución desde 1845 ata o 2008

luis ferro / josé M. Bértolo A ESTRADA

FORCAREI

Unha das propostas foi encargada fai catro décadas a Filgueira Valverde, aprobándose dous anos despois

22 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Forcarei ten desde 1845 un escudo que será o xerme do escudo actual. Tal selo desapareceu en 1922, do que foi acusado o secretario que había naquel momento. A razón está seguramente nas liortas políticas entre o secretario e o alcalde, que mudara de partido. Por iso a partir desta data o concello non utiliza selo ou ben, a partir da guerra civil, utiliza un co escudo franquista.

Por iso o 26 de febreiro de 1967 o Concello pide consultar os arquivos para a elaboración do escudo heráldico municipal. Pero non será ata o 30 de xullo de 1975 cando o Concello, tendo en conta que as reprodución conservadas eran deficientes, encarga a súa interpretación a D. José Filgueira Valverde -a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas- por ser non só director do Museo de Pontevedra, senón tamén o Cronista da Provincia correspondente da Real Academia da Historia.

O seu ditame, que se promete aceptar, di o seguinte:

-Feixe de gramíneas na súa cor formado por trece espigas, igual ao número de parroquias, sen atadura algunha, aberto en abano terzado en pau e arrancando do centro o corazón do escudo. -Dúas follas lanceoladas, lixeiramente dobradas cara abaixo, na súa cor, saen de cada un dos lados do feixe.

-No flanco sinistro trae na súa cor unha roca ou forcada co seu fuso.

-Na campá ou punta trae na súa cor unha montaña. Desta nacen dúas correntes de auga, de azul ondeado, que corren separadas e van morrer ao cantón destro e a outra ao sinistro da punta.

-Campo de prata.

-Sobre o escudo coroa real.

Tendo en conta este informe, elaborouse o novo escudo municipal que foi aprobado polo Real Decreto 2705/77 publicado no BOE do 31 de outubro de 1977: «Artículo único.- Se autoriza al Ayuntamiento de Forcarey, de la provincia de Pontevedra, para adoptar su escudo heráldico municipal, que quedará organizado en la forma siguiente, de acuerdo con el dictamen de la Real Academia de la Historia: De sinople, un haz de centeno, de oro, de trece espigas, hojado de cuatro hojas lanceoladas; acompañado a la siniestra de una rueca -o forcadella- de plata, y en punta del blasón, un montículo, de sinople fileteado de sable, surcado por dos cauces fluviales, de plata, yendo convergentes a la propia punta del blasón. Timbrado de corona real cerrada».

No DOG de 19 de agosto de 2008 aparece aprobado un novo escudo heráldico municipal con simboloxía adecuada e consonte ás normas de heráldica, organizado do seguinte modo: «En campo de azur una montaña de oro de tres cumbres, terrasada de sinople con dos fajas ondadas de plata; superada de de dos espigas de centeno de oro en aspa y una rueca alta de plata en el centro, acompañadas de un huso alto a cada lado; bordura de sinople cargada de trece abejas de oro. Al timbre corona real cerrada». As espigas fan referencia á tradición deste cultivo, a roca e os fusos recordan a importancia histórica de nosas fiandeiras e ademais a súa forcadela suxire o nome do municipio, a montaña de tres cumes fan referencia aos montes do Candán, Seixo e Costoia da Terra de Montes, as dúas ondas de prata aluden aos ríos forcaricenses Umia e Lérez, e as abellas simbolizan as 13 parroquias así como a tradición apicultora e de transformación da cera (os borreiros) no noso Concello.

No mesmo Diario Oficial de Galicia é aprobada tamén a bandeira municipal, organizada do seguinte modo: «Paño con tres franjas horizontales de blanco, siendo la de verde del doble del tamaño con trece circulos de amarillo puestos, uno en el centro y doce en los vértices de dos imaginarios hexágonos concéntricos. Las franjas blancas, a su vez, con sendas franjas horizontales de azul».