A festa do Perpetuo Socorro na parroquia de Santo Vilarello no Concello de Dozón

Daniel González Alén LALÍN

DOZÓN

Daniel González Alén

A Lagoa foi ata medidos do século XX un importante nexo de camiños da comarca dezá

16 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

No noso afán de recoller e divulgar a totalidade das máis de trescentas festas e romarías populares que se veñen celebrando anualmente nos seis concellos da comarca de Deza —antes de que desaparezan pola perda e envellecemento dos habitantes ou muden o seu xeito tradicional, onde o profano lle vai gañando terreo ao relixioso—, estivemos na parroquia de Santo André de Vilarello, que celebrou a pasada fin de semana a festividade da Virxe do Perpetuo Socorro. Boa ocasión para ollar con detalle a súa igrexa parroquial e dar unha volta por esta parroquia do municipio de Dozón, na aba dos montes da Rocha, que se inclinan cara ao río Asneiro, no límite cos concellos dezaos de Lalín e Rodeiro.

A da Virxe do Perpetuo Socorro é a principal festa de Vilarello, xa que a do patrón Santo André cae no mes de novembro e o tempo non axuda á celebración. Nesta ocasión a festa tivo lugar os días 7 e 8 de agosto, con misas solemnes e procesións, correndo coa parte musical o grupo de gaitas Os Trasnos de Doade e, nas sesións vermú e nas verbenas, o dúo Pachi Show, a charanga Os Verbeneros e DJ 13.

A igrexa parroquial, barroca e dunha soa nave, con dous campanarios —un de pedra e outro de ferro—, ampliouse e reformouse en 1856. No mesmo ano pintouse o retablo neoclásico, de columnas con capiteis foliados e anxos dourados, que dende hai non moito tempo preside unha moderna Virxe de Fátima, doazón dunha devota; esta ocupa o lugar doutra máis vella do patrón Santo André, que agora está a un lado, mentres que ao outro se atopa unha imaxe antiga dun santo sen atributos que non acertamos a identificar.

A Virxe do Perpetuo Socorro co Neno, ambas imaxes de vestir, son do tempo do retablo, construído a finais do século XIX sendo cura Valeriano Reboredo, finado en 1909 segundo se pode ollar na placa de mármore dun muro lateral da igrexa. A unha e outra banda da imaxe da Virxe que se festexa na parroquia están dúas máis pequenas da Virxe do Carme e de Santo Antonio. Da antiga igrexa, que debeu ser románica, puidéronse reaproveitar o arco triunfal e a pía bautismal, ambos moi reformados.

Preto da igrexa atópase o cruceiro procesional, sen imaxes, e no lugar hai varias casas dos séculos XVII e XVIII moi reformadas, así como unha antiga fonte bebedoiro. Na eira lousada da casa de Guerra hai un hórreo de cinco claros cunha inscrición de 1858, moi ben conservado polos seus propietarios. Outros de catro e tres claros con curiosos remates pódense ver na Lagoa, lembranza da importante produción de millo que hai anos se obtiña destas terras, que agora teñen a súa puxanza económica nas granxas de vacún e porcino.

Importante enclave

A Lagoa foi, ata ben entrado o século XX, un importante enclave nas comunicacións da comarca de Deza, xunto coa Xesta, O Bento, Prado e O Foxo, ademais das vilas que agora son cabeceiras dos concellos. Na Lagoa do Cepo concorrían antigos e transitados camiños a principios do século XVIII, segundo recolle o mapa de Fontán (1845). Eran camiños que logo foron reais e que atravesaban os recentemente creados seis concellos da nosa comarca cara ás poboacións importantes dos partidos xudiciais das catro provincias galegas. Eran outros tempos, xa que, a partir de mediados do século pasado, a parroquia —que tiña máis de douscentos habitantes repartidos nos lugares de Vilarello e A Lagoa— iría minguando a medida que a xente marchaba cara ás vilas e cidades de España, ou á emigración americana primeiro e á europea despois (das que ninguén regresou para quedarse), ata baixar a tan só os 59 censados no 2025.