Obras en Pedroso e Dozón para permitir ver as igrexas dende a porta

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DOZÓN

Adrian Freiria

Contarán cun sistema que funciona con moedas e ilumina o interior

25 jul 2024 . Actualizado a las 21:05 h.

Este ano a comarca de Deza non contará con ningunha igrexa con persoal encargado de atender aos peregrinos que pasen por alí pero a Diocese traballa nun sistema que engada algúns dos templos dezás a esta lista de templos nos que se facilita o acceso tanto a peregrinos como a visitantes. O responsable de Patrimonio da Diocese de Lugo, Jesús Salvador, explica que aínda que nin hai ningunha igrexa incluída no convenio firmado coa Xunta si se inclúen nel obras en dúas igrexas da zona. Trátase da de Pedroso, en Rodeiro, situada ao pé do Camiño de Inverno, e a de Castro, en Dozón, no paso do Camiño Mozárabe ou Vía da Prata.

Esta derradeira foi unha das da comarca xunto coa de Taboada, en Ponte Taboada, en Silleda, das que estiveron abertas varios anos e contaron con guías encargados de descubrir aos visitantes e camiñantes que cruzaban as súas portas a riqueza destes templos.

A pandemia paralizou estas actuacións e, explica Jesús Salvador, «estamos retomando este proxecto. O ano pasado fíxose unha proba e este seguimos avanzando e estamos abertos a poder ampliar». Relata que «a Diocese de Lugo ten máis 470 quilómetros de Camiños de Santiago en varias vías».

Na vía da Prata a intervención que se fai facer este año é a colocación dunha reixa na igrexa de Castro de Dozón. Un sistema que tamén se conta instalar na igrexa de Pedroso. O ano pasado, di, «xa se interveu no Sisto, en Dozón, para poder contemplar as pinturas murais da igrexa».

Esas rexas, que agarda estean postas e en funcionamento antes de fin de ano, suporán a realización «dunha pequena abertura que se practica nas portas que o que consigue a través dun moedeiro que funciona cun sistema eléctrico se ilumine a igrexa o que permite que se poda ver o interior e exista esa atención». Outras igrexas, apunta, como a de Lalín están xa abertas a diario e teñen unha atención ao peregrino. Con tantos quilómetros de Camiño de Santiago, e tantas igrexas con tanta riqueza, comenta, é imposible contar cunha atención presencial en todas partes. De aí que se opte como primeiro paso con este sistema que, explica o director de Patrimonio, vai permitir tamén ir tendo datos do fluxo de peregrinos e visitantes que pasan por alí.

No caso da igrexa de Pedroso, destaca que diante do templo atópase unha fonte, polo que este ven sendo xa un punto de parada obrigado para os camiñantes que van cara a Santiago polo Camiño de Inverno. Unha ruta que pese a haber obtido o recoñecemento oficial non fai tantos anos, está medrando pouco a pouco e cada vez son máis os peregrinos que a escollen.

A intención, comenta, «e ir ampliando cada ano e ir mellorando a atención no Camiño de Santiago e estamos abertos a ter unhas aperturas e unha atención máis ampla noutras zonas da Diocese». Jesús Salvador apunta que «despois da pandemia estamos tamén nun momento de estudo e estamos a revisar como é o fluxo de peregrinos e facer un pouco de estudo e ver como podemos apoiar aos párrocos e as parroquias para poder ter mellor atención». Dende a Diocese están abertos, insiste, en poder ampliar as actuacións a outras zonas e igrexas para poder mostrar un rico patrimonio artístico. Dende a Diocese se intenta facilitar, di, a visita de grupos de camiñantes e de peregrinos, pero non poden contar con xente en todas as igrexas.

Un convenio con vinte templos en catro itinerarios xacobeos

A Xunta firmou coa Diocese de Lugo, un ano máis, un convenio que facilita o acceso e a visita de peregrinos e visitantes a preto de vinte igrexas situadas en catro itinerarios xacobeos da Diocese. No Camiño de Inverno pódense visitar ao amparo desta colabora a igrexa de San pedro de Cereixa, en Pobra do Brollón; a de San Salvador de Moreda, en Monforte de León; a de San Miguel de Montefurado en Quiroga e a de San Clodio en Ribas de Sil, todas elas na provincia de Lugo.

Fai pouco o director de Turismo de Galicia, visitaba a igrexa da Ponte de San Lázaro, unha das do convenio. Destas preto de vinte algunhas contan con iluminación para ver o interior e outras con atención ao público