Miguel Ángel Docasar (BNG): «Aumentou a débeda, con pouco retorno para as aldeas»

Rocío Perez Ramos
R. Ramos LALÍN / LA VOZ

DOZÓN

Cedida

O aspirante nacionalista estrease como cabeza de lista tras catro anos como edil e defende o traballo feito de cara a mellorar resultados

18 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Ángel Docasar Areán (As Nogueiras, Santa María de Dozón, 53 años) milita no BNG desde 1999. Estreouse como concelleiro neste derradeiro mandato como número 2 da candidatura que encabezou Mar Vila. Licenciado en Matemáticas por la Universidade de Santiago de Compostela é profesor de Ensino Secundario e Bacharelato. Ao igual que a súa compañeira Mar Vila, tomou posesión no 2019 da súa acta levando un exemplar do libro Sempre en Galiza de Castelao

—Como valora a situación política actual en Dozón?

—Hai unha ausencia de democracia real e pouca transparencia.

—Cre que houbo un cambio de política da de Adolfo Campos Panadeiros a agora a do seu fillo Campos Vázquez?

—Non, seguimos cos mesmos métodos e prácticas caciquís.

—Que balance fan do goberno destes derradeiros catro anos?

—Foi un goberno de continuísmo con moito auto-bombo, e a inhabilitación do señor Campos Panadeiros e a tesoureira da anterior corporación. Aumentaron os presupostos e aumentou a débeda, con pouco retorno para as distintas aldeas.

—Cal é o obxectivo do BNG para o 28 de maio?

—O noso obxectivo é claro: mellorar os resultados e cambiar o goberno.

—Cree que a lista nacionalista que encabeza ten os ingredientes necesarios para atraer novos nichos de votantes?

—A seriedade e a preocupación pola veciñanza son o noso aval para atraer votantes.

—Que destacaría dela?

—Está integrada por xente activa, traballadora con moito interese en cambiar a situación actual do concello.

—Ve factible incrementar a actual representación na corporación?

—Si, o noso traballo e o feito de ser os únicos que propoñemos alternativas para mellorar a situación actual.

—Que puntos destacaría do programa do BNG?

—No noso programa levamos a realización de redes de saneamento e a mellora das traídas de auga, a mellora das vías de comunicación municipais que actualmente están abandonadas. Corrixir as deficiencias da telefonía e fibra óptica e a revisión e baixada do IBI.

—Algún apunte en materia social, economía e emprego ou en urbanismo?

—As nosas preocupacións son os veciños. Xa temos en funcionamento a hospitalización domiciliaria en Dozón, despois das nosas reclamacións, e queremos seguir a mellorar as atencións básicas sanitaria da cidadanía. Consideramos tamén prioritario atender as necesidades das explotacións agrogandeiras e as actividades empresariais.