Un camión estragou o cruceiro do cemiterio do Sisto, en Dozón

Daniel González ALén LALÍN

DOZÓN

Daniel González Alén

As pezas de pedra, feitas anacos, quedaron espalladas polo chan

15 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis dunha semana leva no chan o cruceiro que preside a entrada do cemiterio parroquial do Sisto, partido en seis anacos, e semella que ninguén vai facer nada para arranxalo. Avísannos os veciños apesarados e impotentes diante o sinistro e cóntannos que, ao alborexar do pasado xoves día 6 deste mes de abril, ollaron o cruceiro estragado e no terreo a campo que o rodea, víanse as rodeiras dun camión que se sospeita foi o causante do derrubo e que

marchou sen deixar aviso.

Debeu ser pola noite e ninguén o viu, aínda que nos di un informante que é posible que as cámaras que teñen instaladas os edificios e naves dunha empresa avícola que está nas proximidades ben puideron recoller imaxes do acontecido.

Pero todo son suposicións e o único certo é que o cruceiro ten difícil compoñedura logo de partir en seis anacos e tamén hai dúbidas de quen se fará cargo do arranxo, ao fuxir o camión e con el a posibilidade de que o seguro se faga cargo. A Igrexa, o Concello, Patrimonio ou os veciños, todos poderían achegar unha solución para recuperar este ben patrimonial, pero, uns por outros, o cruceiro semella que non se volverá poñer en pé na entrada do camposanto parroquial.

 

Feito en 1938

 

O cruceiro desgraciado é un sinxelo e ben labrado exemplar sen imaxes, con escasos adornos no capitel e nos remates da cruz, que debeu ser construído canda o cemiterio no ano 1938, segundo reza unha inscrición situada ao pé da porta de entrada «Cementerio católico de San Juan de Sisto costeado por los feligreses y cura párroco D. Pedro Crespo Gil. Año de 1938».

Daquela, o vello camposanto que rodeaba a igrexa estaba repleto de tumbas e panteóns, polo que foi preciso facer o novo a pouco máis de cen metros, preto da encrucillada onde se instalou tamén o cruceiro agora estragado.

 

Outras obras

Na mesma parroquia do Sisto hai varios cruceiros con maior mérito artístico e antigüidade, entre os que destacan o procesional de onda a igrexa, barroco do século XVIII coas figuras de Cristo e a Virxe na cruz; o que está no fondo do lugar da Igrexa, cun fuste historiado e repleto de relevos, que xunto con outros que foron parar á capela de Puxallos en Lalín e ao pé do camiño que sobe ao Faro en Asperelo de Rodeiro, formaban parte dun antigo baldaquino sacado da igrexa do Sisto. E aínda contamos un terceiro cruceiro no lugar de Sestos, ao pé da fonte, sen outra imaxe que a dunha caveira na base e unha inscrición que o desgaste impide ler.

De nova construción é outro que preside a praza da igrexa, obra de Arias, cun estilo moderno e de grande tamaño.

No municipio de Dozón, malia a súa escasa superficie, téñense catalogado vinte e sete cruceiros, dos que oito fican derramados na actualidade, agardando unha axeitada compoñedura. Así, na parroquia de Bidueiros fican no chan os restos de cinco cruceiros; un na de San Salvador da O, onde doutro só queda a base á beira da estrada que vai ao Irixo; e no Castro de Dozón, falta un dos tres que formaban un calvario no medio do lugar. Mellor sorte correron os de Maceiras, Saa e A Gouxa, que en tempos recentes caeron derrubados, procedéndose á súa restauración e locen novamente nos seus pedestais, presidindo os adros das igrexas ou bendicindo os camiños que atravesan estas terras altas de Dozón. Agardamos unha solución semellante para este cruceiro do cemiterio do Sisto, merecente dunha axeitada solución que os veciños reclaman.