«Os máis novos temos o deber de tirar un pouco polo noso pobo»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DOZÓN

miguel souto

Uxía Rodríguez e Paula Vázquez buscan reactivar en Dozón o interese polo baile tradicional ao apagarse as anteriores formacións

18 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Uxía Rodríguez e a PaulaVázquez úneas moitas cousas, pero sobre todo o seu interese pola música e o baile tradicional. Son amigas, comparten casi idade; 21 e 20 anos respectivamente e son veciñas do Concello de Dozón; Paula de Piñeiro, e Uxía do lugar de Pereirón na parroquia de O Sixto, e ambas con experiencia no eido musical.

-Paula tocou a percusión ata os doce anos e tamén estivo moi centrada no baile tradicional ata fai uns anos. Pola miña parte toco a gaita dende os oito anos e coa pandeireta comecei aos seis, e dende fai catro anos estou con baile e canto tradicional.

-Que motiva a búsqueda de integrantes para formalizar un grupo de baile tradicional en Dozón?

-Fundamentalmente porque nos gustaría contar cun grupo numeroso de xente para poder pasar bos momentos, darnos a coñecer así coma as actividades variadas que queremos poñer en marcha. Para iso precisamos formar unha agrupación e cantas máis persoas sexamos mellor, xa que mellor o pasaremos. Entendemos tamén que os máis novos temos o deber de tirar un pouco polo noso pobo para que semanteña vivo.

-No municipio nun funciona ningunha agrupación deste tipo?

-Agora mesmo non contamos con ningunha. É certo que no pasado houbo un grupo pequeno de gaitas e tamén outro de baile. A agrupación de baile estaba formada por cativos que ían á escola, e aproveitaban un dos recreos para ensaiar. Este foi o primeiro que colleu o camiño da desaparición. Logo, o grupo de gaitas conseguiu manterse un pouco máis no tempo; ensaiabamos os sábados pola mañán, íamos tocar polas parroquias de Dozón, pero finalmente tamén acabou por esmorecer e finar. Disto xa fai polo menos uns dez anos e pensamos que é momento de retomar a actividade, alomenos a que se poida.

-En que momento empezades a darlle corpo á iniciativa?

-O certo é que levamos pouco tempo, só unhas semanas, en que estamos buscando xente para comezar o proxecto canto antes xa que, como expliquei, levamos anos sen contar co grupo que tiñamos de pequenas e xa nos gustaría agora volver a formar este colectivo no noso municipio.

-Escollestes este momento por algo en particular?

-Pois a verdade é que Paula ten ganas de retomar o baile tradicional, que ten medio abandonado dende cativa, e eu teño ganas de formar algo novo en Dozón para poñer algo de diversión tamén entre os veciños do noso concello, e que haxa un pouco máis de vida.

-Nesta búsqueda de novos membros, como está sendo a acollida?

-Temos que dicir que moito mellor do que esperabamos. Estamos moi contentas. A xente está recibindo moi ben esta nova, e intenta axudarnos en todo aquelo que poden.

-Un proxecto novo sempre require dalgún apoio, está sendo este o caso?

-Claro que os apios son importantes de cara a materializar determinados proxectos, e neste tamén, pero nestes intres aínda non xurdiron. Temos pendente manter unha conversa co alcalde, aínda que xa ten noticia do que estamos intentando formar e xa nos dixo que el ía intentar apoiarnos en todo o que puidera, e que se alegraba moito da decisión que tomaramos. De feito semella que contaremos con algún tipo de axuda que nos brindará o concello para a posta en marcha e funcionamento da agrupación.

-Terá algún límite de idade?

-Non. Agora mesmo os anotados somos todos mozos pero xa recibimos demanda de xente maior e cativos.

Uxía Rodríguez. É mestra de Educación Infantil (USC), con voluntariado en Cruz Vermella e con nenos de raza xitana.

Paula Vázquez. É estudante de inxeñería de enerxías na Universidade de Vigo, e conta con experiencia no coidado de cativos e anciáns.

«Este é un proxecto aberto a todas as persoas que queiran vir a aprender a tocar con nós»

Uxía e Paula non cesan de animar aos interesados para que den un pasiño cara adiante e se sumen a esta iniciativa.

-Pensades artellar unha escola ou un grupo de aprendizaxe para os máis miúdos?

-De momento digamos que a prioridade é o grupo de maiores. A nosa idea é facer unha actividade extraescolar con nenas e nenos, pero debido á situación na que nos encontramos aínda non sabemos cando poderemos levar a cabo a iniciativa. Por suposto que estamos á espera de que a rapazada decida animarse a entrar na agrupación. Queremos contar con gaita, percusión, canto e baile tradicional.

-É só para a veciñanza de Dozón ou con posibilidade doutras incorporacións?

-O proxecto está aberto a toda aquela persoa que queira vir a aprender a tocar con nós. Contamos con xente de Dozón pero tamén de Lalín e de Rodeiro.

-Cando botará a andar?

-A idea é facelo canto antes. Temos en mente comezar os ensaios o 1 de agosto e agora estamos ollando varias instalacións do municipio que poidamos usar. Faláronnos dalgunhas reformadas recentemente, con amplo espazo para poder ensaiar, e queremos ultimar estes detalles co alcalde.

-Para cando a presentación oficial de grupo?

-Seguramente sexa para mediados do próximo año cando teñamos xa un grupo ben formado e con algo de nivel.

-A que formacións pertencen?

-Paula bailou de cativa no grupo local e está entusiasmada co proxecto. Eu ensaio no grupo Carballo da Manteiga de Lalín. Alí toco a pandeireta, canto e bailo seguindo un pouco a tradición de meus avós aos que lles gusta moito a música tradicional galega. Grazas a eles descubrin a miña paixón pola música.