O Sisto celebrou a Virxe do Rosario

daniel gonzález alén LALÍN

DOZÓN

Cedida

Na igrexa conserva interesantes pinturas e retablos e conta con cinco cruceiros na súa contorna

19 oct 2019 . Actualizado a las 22:57 h.

San Xoán do Sisto, a parroquia máis poboada de Dozón, celebrou as súas festas principias a pasada fin de semana honrando a Virxe do Rosario. Nas dúas xornadas houbo misa solemne con procesión na que a Virxe do Rosario saíu acompañada ata o novo cruceiro polo San Xoán, patrón da parroquia que tamén ten a súa festa en xuño, e logo sesión vermú que amenizaron as orquestras Pontevedra e Paladium en cada unha das xornadas e verbenas coas mesmas orquestras e a Gran Parada e a cantante galega Lucía Pérez. Houbo petiscos gratis o sábado e sesión de fogos o domingo.

Boa ocasión a das festas, para botar un ollo a espléndida igrexa parroquial que floreceu no século XII da man dos Templarios cando era parroquia de San Vicenso, dependente do Encomenda de Canabal das terras lucenses de Sober, e na que se poden contemplar catro dos estilos arquitectónicos dominantes en Galicia: románico, gótico, barroco e renacemento. Da primitiva igrexa románica conservase o tímpano da porta lateral coa cruz de Malta -hai outra o carón da mesma porta-, os canzorros dos dous muros laterais, unha pía bautismal -outra ollámola na eira dun veciño- e un curioso baixorrelevo cunha figura humana nun bloque do muro que ben puido proceder dunha anterior construción visigótica. Coa ampliación pola fronte e polo fondo, na época dourada do barroco, perdeu a ábsida da que aínda poden ollarse restos reutilizados na actual, ao igual que as dobelas do arco triunfal que foron aproveitadas para o novo, pero sen capiteis nin columnas, que se perderon ao igual ca outros elementos románicos. Tamén se destruíu un baldaquino gótico do que cinco imaxes policromadas foron parar enriba do arco triunfal e poida unha columna e dous capiteis ao cruceiro historiado que hai nas inmediacións da igrexa.

A paixón de Cristo

No interior da igrexa poden ollarse unhas excepcionais pinturas murais do século XVI coas representacións da paixón, morte e resurrección de Cristo, así coma do monarca Carlos V e outro personaxes e escenas da época, obra dun anónimo pintor que aquí se coñece coma o mestre do Sisto, e que tamén deixou mostras da súa arte en Santa María de Dozón e noutras sobranceiras igrexas galegas. Destes frescos renacentistas, téñense publicado moitos traballos polo que non imos poñer detalles xa sabidos nesta reportaxe.

Cando se ampliou a igrexa hai máis de trescentos anos, construíronse os fermosos retablos e imaxes que chegan os nosos días. O retablo principal e unha boa mostra do barroco rural que imperaba no século XVIII, con abundante decoración e variadas imaxes cuxa enumeración e detalle farían extenso de máis esta reportaxe. Deixar constancia da necesidade dunha axeitada restauración deste retablo que dende 1790 non volveu ser pintado, así coma as imaxes e relevos do San Xoán Bautista e doutros santos que nel se mostran. A mesma actuación cumpría facer no retablo lateral da mesma época, que preside a Virxe do Carme, con San Roque arriba e San Ramón e Santo Antonio a cada lado. E xa postos a pedir cumpría proceder a total restauración das impresionantes pinturas murais que sufriron importantes estragos anos atrás ao facer a tribuna, pola proximidade das bancadas e os efectos que a chuvia e a humidade existente na nave antes de que se acometerá unha axeitada rehabilitación impulsada polo actual párroco Xosé Vázquez Diéguez, promotor de moitas obras de mellora no patrimonio relixioso nesta e noutras parroquias dos contornos.

Os cruceiros próximos

Nas proximidades da igrexa contamos deica cinco cruceiros de distintas épocas e estilos. O que máis chama a atención é un que semella o máis antigo de todos, con dous capiteis cadrados con abundante e orixinal decoración con figuras humanas, bestiadas, vexetais e xeométricas, ao igual co fuste que os une. A cruz e lisa sen figuras e na base ten un burato que puido ser peto de ánimas. Este cruceiro historiado, puido ser feito con pezas procedentes do baldaquino que referimos na igrexa, sendo semellante aos existentes en Púxallos (Lalín) e Asperelo (Rodeiro) que ben puideron pertencer ao mesmo baldaquino. Non lonxe está o das procesións barroco, coas figuras de Cristo e a Virxe, rodeada de anxos, curiosamente idéntico ao de Asperelo en Rodeiro. Outros cruceiros sen maior mérito son os dous que están no cemiterio, e hai outro novo obra de Arias, de grandes dimensións, usado coma procesional.