Ylenia Varela: «Trátase de construir aprendizaxes iniciais de identidade nos cativos»

Amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DOZÓN

Miguel Souto

Pegadiña ao colexio Pío Cabanillas de Dozón, a primeira casa niño agarda a poder abrirse neste mesmo mes

04 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O seu gusto por traballar coa infancia levou a Educadora Social lalinense Ylenia Varela Varela (Codeseda-Doade) a apostar pola posta en marcha dunha casa niño no Concello de Dozón, máis concretamente en O Castro, sendo a primeira instalación destas características que se abrirá na comarca.

-Onde se ubica exactamente a casa niño?

-Ao carón mesmo do colexio público polo que creo que é unha moi boa oportunidade para que dende pequeniños poidan afacerse ao ritmo de ir ao cole e non lles custe tanto a adaptación dende as súas casas. A casiña é pequena pero é preferible que sexa así para poder controlar axeitadamente a todos os rapaces xa que vou estar eu soa. Contamos tamén cun pequeno patio exterior no que nun futuro a intención é ubicar unha pequena hortiña con tomates, leitugas, amorodos...

-Todo ultimado para poder abrir de inmediato?

-Abrirase en canto a inspección da Xunta de Galicia comprobe que todo está correcto e apto para poder comezar a traballar sen ningún risco para os pequenos.

-Que é exactamente unha casa niño?

-Pois é un servizo gratuito de atención a nenas e nenos que está subvencionado pola Xunta de Galicia, e parcialmente cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

-No seu funcionamento comtémplanse vacacións ao longo do ano, posibilidade de comidas dentro da propia casa?

-O horario da casa niño é de oito da mañán a catro da tarde ao longo de todo o ano agás os días festivos e tamén un mes de cada doce, no cal pecharei por vacacións. Na casa niño levaremos a cabo atención específica das necesidades básicas de alimentación; sendo os pais e nais os que deben traer a comida dos seus fillos, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social.

-Cales son as vantaxes dunhas instalacións destas características?

-Persoalmente creo cunha das vantaxes é contar cun grupo de nenos tan pouco numeroso para poder traballar unha atención integral e personalizada con garantías de seguridade e calidade. Trátase de crear un ambiente familiar que faga posible construir aprendizaxes iniciais de identidade nos cativos e tamén de autonomía persoal, de relación co contorno e de comunicación social sempre en estreita colaboración coas familias.

-Cantos nenos e de que idade poderán estar nas instalacións?

-Haberá como máximo cinco prazas dispoñibles e poderán acudir outros tantos pequechos de entre tres meses e tres anos. Salientar que a admisión se fará tendo en conta a data de inscripción, o lugar de empadroamento e, se fose necesario, se iría a un segundo baremo respecto da renda dos proxenitores.

-Falamos só de cativos da contorna da ubicación da casa?

-Falamos de nenas e nenos empadroados no Concello de Dozón, ou nun concello limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres aniños.

-Dicía que será a única profesional na atención aos rapaces.

-Si estarei soamente eu xa que ao ser cinco pequenos pois unha persoa é suficiente para atendelos. É verdade que contarei cunha persoa substituta para casos de enfermidade ou de non poder acudir ao traballo por algo puntual para que non afecte ao funcionamento da casa.

Libros e cociña.Seguemento.

Libros e cociña. Moi apaixoada pola lectura xa leu incluso todas as obras mercadas para os nenos. Encántalle a cociña e fará obradoiros culinarios cos pequenos.

Seguemento. En Facebook (casa niño pequeniñxs) e en Instagram haberá fotos e publicación das actividades.

«Prescolar na Casa centrábase máis no apoio ás familias na educación e crianza»

O rural galego contou anos atrás cun programa denominado Prescolar na Casa que brindaba tamén atención a nenos pequenos.

-As casas niños teñen algunha similitude con aquel programa que estaba espallado polo rural?

-Dende a miña perspectiva non ten nada que ver. Non seguín moito o Prescolar na Casa pero segundo teño entendido era un espazo máis enfocado a apoiar e dar seguridade ás familias na educación e crianza dos seus fillos e ás reunións ían tamén os familiares do rapaz. As casas niños son máis coma un segundo fogar para que os cativos estén mentras os pais e nais traballan.

-Como están acollendo os proxenitores esta iniciativa?

-Os pais e nais están encantados xa que lles facilitará moito as cousas á hora de traballar. De non ser pola casa niño terían que levar aos nenos ata Lalín á gardería se o necesitasen.

-Serían precisas pois máis casas nos outros concellos?

-Por suposto. Antes, sobre todo no rural eran as nais as que se quedaban na casa a coidar dos rapaces e os homes traían os cartos pero hoxe traballan, en moitos casos os dous, e non teñen onde deixar aos pequenos.

-A demanda de casa é real se temos en conta o baixo número de nacementos?

-Creo que a demanda é real. É moi grande. En Dozón, por exemplo, o ratio de nacementos subiu comparado con outros anos e creo que poñer servizos destas características dálle oportunidades ás familias e pode ser un bo incentivo para que este ratio de nacementos medre.

-Optimista ante este novo reto profesional?

-Estou moi ilusionada co proceso e co proxecto. A transformación do local foi moi divertida. Agora espero que o resultado axude ás familias.