A residencia artística Méndez Méndez de Pardesoa (Forcarei) celebrou o pasado domingo un faladoiro literario arredor do libro Andrómenas e credos. Suma mitolóxica de Cerdedo e Montes, de Calros Solla, no que estivo presente o propio autor. Trátase dun volume de 1.032 páxinas que recolle tres décadas de investigación sobre a mitoloxía popular, os ritos, as criaturas fantásticas e a etnografía de Cerdedo e de Terra de Montes, unha comarca que incluso abrangue algunhas parroquias da Estrada.
Para dar forma a este compendio, Solla mergullouse nun vasto corpus de testemuños orais e escritos baixo unha premisa clara: corrixir, ampliar e, por riba de todo, salvagardar e divulgar o legado colectivo. Nas súas páxinas conflúen seres fantásticos, paraxes evocadoras, espazos sagrados, heroes e viláns, ademais de ritos, costumes, contos, lendas e conxuros que definiron a identidade da zona.