Nove locais de hostalería participan na cita gastronómica e a degustación popular é na Chan
31 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Un total de nove establecementos hostaleiros participan este domingo na Festa do Petote que, organizada polo Concello de Cerdedo-Cotobade, alcanza a dezaseis edición. Nestes locais ofrecerase un cocido completo a base de costela, lacón, chourizo de carne e ceboleiro, patacas, verdura, cacheira, petote e postre a un prezo común de 25 euros por persoa. Trátase de A de Tucho e La de Perdíz, en Aguasantas; Casa Blanco, en Rebordelo; A Vosa Taberna, en Borela; Bar Obelix e A de Yoli, ambos en Tenorio; O Castiñeiro, en Pedre; O Comareiro, en Cerdedo; e Bar Amoedo, en San Xurxo de Sacos.
As perspectivas da organización, segundo manifestou o alcalde Jorge Cubela, son as de «superar os mil comensais nos establecementos hostaleiros e sumando as persoas que se acheguen ata a Praza da Chan para participar na degustación do petote, preparado por Marilín da tenda de Carballedo e que conta coa colaboración da Asociación de Veciños de Rebordelo, a cifra final non debería estar por debaixo das 1.500 ou 2.000 persoas». Deste xeito, a Festa do Petote desenvolverase ao longo de toda a mañá, polo que está previsto un programa variado pensado para todos os públicos.
Ás 10.00 horas precederase á apertura dos postos de artesanía e alimentación, mentres que ás 11.30 horas desenvolverase O Petote Miúdo, proposta dirixida ao público infantil que inclúe inchables e un obradoiro de elaboración de petote. Co mediodía saíra un pasarrúas amenizado pola Comparsa Cor Café e, xa dende as 13.00 horas, terá lugar a degustación popular do petote na Praza da Chan, que estará amenizada pola charanga Los Támega.
O rexedor municipal defendeu este formato ao considerar que se favorece o consumo e a participación dos establecementos hostaleiros. «Aínda que no seu día o cambio do pavillón aos bares tivo certas críticas, para min é programático que se faga nos establecementos da hostalería local porque teñen que beneficiarse economicamente, sen perder a capitalidade da festa en Carballedo que se mantén coa degustación. Apostamos por este formato, que sempre defendín, para que se poida beneficiar da festa todo o concello», precisou.
Incidencia económica
Cubela incidiu na gran incidencia que esta festa ten na dinamización económica, cultural e gastronómica: «Contribúe a afrontar o preámbulo do entroido favorecendo a actividade económica, xerando interese por visitar o noso municipio e permite que os establecementos teñan unha oportunidade de negocio e de movemento económico, que tamén é importante».