Cerdedo pecha o programa de festas do Divino Ecce-Homo e a Virxe das Dores

c. m. / j. b. A ESTRADA / LA VOZ

CERDEDO

28 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a comisión de festas de Cerdedo-Cotobade presentaron o programa dos actos con motivo das festividades na honra do Divino Ecce-Homo e a Virxe das Dores, que terán lugar no fin de semana do 29 ao 31 de xullo.

Comezan o venres 29 cunha gran verbena que protagonizarán as orquestras Assia e Unión y Fuerza. A mañá do sábado 30 estará ocupada por un pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo e a banda de música local, continuará ás doce e media cunha misa solemne amenizada polo coro parroquial e pola noite celebrarase unha verbena a cargo da orquestra Gran Parada e Disketoca, a disco móbil máis grande do norte de España, dos creadores do escenario de Panorama o seu anterior DJ, JJ Compota. A xornada acabará á unha da madrugada cunha gran tirada de fogos de artificio.

O último día das festividades será o domingo 31, que contará cun pasarrúas pola mañá a cargo da Banda de Música de Cerdedo e seguirá ás doce e media coa misa solemne a cargo do coro parroquial, seguida dunha procesión.

Ás oito da tarde poderase desfrutar dun concerto a cargo da Banda de Música de Cerdedo na Praza do Concello e o peche das festas terá lugar nesa mesma praza ás dez, co concerto a cargo de Manoele de Felisa.

O alcalde, Jorge Cubela, agradeceulle a súa implicación á comisión de festas e ofreceu a máxima colaboración do Concello en calquera tema referente á celebración das festividades.