«A música galega goza de boa saúde»Músico Pianista

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca A ESTRADA / LA VOZ

CERDEDO

Comesanha compaxina o seu labor docente coa dirección de banda, coral e presidencia dos compositores.
Comesanha compaxina o seu labor docente coa dirección de banda, coral e presidencia dos compositores.

Xabier Comesanha preside dende xaneiro a Asociación Galega de Compositores

08 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O colectivo. A Asociación Galega de Compositores fundouse en 1987, e está integrada na actualidade unha trintena de integrantes.

Sesenta obras. Na súa faceta de compositor, Comesanha suma unhas 60 obras propias, ás que suma multitude de arranxos para banda e coros.

Chegou á Estrada hai 23 anos, onde adica a súa vida á súa paixón: a música. Xabier Comesanha (Bremenhaven, Alemañan, 1968) é director da Banda Municipal, da Coral Polifónica e do Conservatorio estradense. Dende xaneiro, é ademais presidente da Asociación Galega de Compositores, que vén de asinar un convenio coa Fundación SGAE para un ciclo de música galega con concertos en varias cidades.

-Asina as súas obras musicais como Xabier Comesanha.

-Eu, que nacín en Alemaña pola emigración, teño un avó materno portugués, e teño moi presente o lazo entre Portugal e Galicia que expreso nesa sinatura.

-A todo o seu traballo na música suma a presidencia dos compositores galegos.

-A asociación fundouse con músicos como Jorge Berdullas, Juan Durán, Xavier de Paz ou Paulino Pereiro para defender a música galega. Este ano houbo eleccións e tócame a min a presidencia.

-¿E como se leva?

-Pois compaxinándoa co traballo de un, como docente, director da banda, do conservatorio e da coral. Eu na composición levo xa anos, e sumeime a este proxecto. Estou ilusionado co espírito de traballar e facer cousas para que a nosa música estea presente na actualidade, por defender a música que se fai en Galicia.

-¿Moitas obras da súa autoría?

-Poden ser unhas sesenta pezas propias, e logo sempre están os arranxos para banda e coros, sempre me gustou moito ese terreo. Unha peza para banda, Evocación habanera, foi interpretada recentemente pola Banda Nacional de Cuba no centenario da colectividade estradense.

-E a piques dunha nova estrea, no ciclo musical da asociación.

-Estamos co vixésimo ciclo, que se chama Música Actual Galega co apoio da Fundación SGAE, e que é un proxecto de música culta con obras para quintetos, tríos e orquestras. O primeiro concerto foi na Coruña, para distintas formacións ?piano e fagot, con clarinete, guitarra?; agora o vindeiro venres en Santiago, ás 20.30 na sala da SGAE, será música de corda; en febreiro, en Pontevedra, o concerto será de música de cámara, na que se estreará a miña peza Cinco bagatelas, por parte de Hércules Brass, quinteto de metais no que está o profesor no conservatorio estradense Víctor Vilariño; o último dos concertos será en Ourense, en abril.

-Dan a coñecer e defenden a música galega. ¿Como está?

-A música galega goza dunha saúde extraordinaria. A música popular e tradicional vive un forte repunte, e a música culta intenta ter o seu espazo. Xa dende Juan Montes ou Marcial Adalid ten o seu oco, e queremos mostrar que a nosa música está moi vixente.

-¿E que momento vive a música na Estrada?

-Estase facendo un traballo extraordinario. A nivel máis afeccionado coa Coral Polifónica, que funciona a un nivel extraordinario, incorporando xente nova que sae do conservatorio e se suma. E na Banda Municipal fixemos unha transición dunha formación un pouco envellecida ata hoxe, que temos un alto nivel de músicos xa profesionais, licenciados en música que tocan na banda, e outros que estudan. Ten un nivel semiprofesional, con músicos moi involucrados no proxecto.

-Con vindeiras citas na Estrada e na bisbarra.

-O día 18, venres, teremos ás 21 horas no Principal o Concerto de Nadal, coa Banda Municipal, a Polifónica e a Coral de Soutomaior que tamén dirixo eu. O día 19 actuará a coral en Camanzo, nun intercambio coa formación de alí. E o día 27 faremos de novo o Concerto de Nadal, en Cerdedo.

«A asociación de compositores sigue a súa traxectoria de renovar aspectos da cultura musical, e manter na memoria aos compositores históricos de Galicia»

Concluyó a finales del pasado mes de noviembre la grabación de su último disco, con piezas ganadoras del certamen de composiciones folclóricas para piano