Acomarca do Deza xa non pode sosterse sobre as falsas promesas do poder nin sobre esa retórica anestesiante que a reduce a un idílico «corazón verde». Pensar o Deza hoxe, con rabia e con realismo, esixe denunciar un modelo político que trata a esta terra como unha colonia interior: un espazo ao que se lle espreme a riqueza agroalimentaria e gandeira mentres se lle negan os servizos máis básicos e se condena á súa mocidade ao exilio.
Historicamente, o Deza foi o gran nodo que vertebra o país. Hoxe, concellos como Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón asisten á paradoxa intolerable de ver como as autovías e a alta velocidade cruzan as súas terras para conectar as cidades do interior coa costa, mentres as súas propias parroquias quedan illadas por falta de transporte público digno e cunha rede de estradas locais abandonada. O Deza non pode seguir sendo o felpudo polo que pasa o progreso alleo mentres o seu interior é desconectado e esquecido polo centralismo das administracións.
O sector primario, que garante a soberanía alimentaria de toda Galiza, atópase nunha situación de asfixia programada. Os gandeiros e agricultores do Deza non necesitan palmadiñas nas costas en campaña electoral nin discursos sobre o «orgullo rural»; necesitan que as administracións planten cara ao oligopolio das industrias de distribución que impón prezos de miseria, e que se destrúa a burocracia que penaliza a quen quere traballar a terra. O relevo xeracional é imposible cando a Xunta e o Estado prefiren poñer alfombra vermella aos macro proxectos eólicos que asolagan os montes de Agolada, Vila de Cruces ou o Faro, sen crear riqueza nas comunidades, destruíndo o patrimonio e o tecido local, antes que garantir a viabilidade das explotacións familiares.
O desmantelamento dos servizos públicos é a estratexia máis eficaz para o baleirado de dereitos. Cada recorte na sanidade rural, cada ambulancia que non chega a tempo, cada alumna sen profesora especializada, cada liña de autobús suprimida e cada carencia na conectividade dixital son decisións políticas conscientes que empurran á xente a marchar, por non falar da falta de oportunidades de mulleres e xoves. Que o patrimonio histórico como o Mosteiro de Carboeiro ou xoias etnográficas únicas como os Pendellos de Agolada teñan que sobrevivir a base de parches e desidia institucional é o reflexo dunha falta absoluta de respecto pola nosa memoria e o noso potencial.
Pensar o Deza significa combater, dicir basta. Non se trata de pedir esmolas nin de resignarse ao papel de «despensa silenciosa» de Galiza. É o momento de esixir unha reclamación histórica de investimentos de xustiza que devolva á comarca o que xera para o PIB galego. Se o liderado político local non é quen de erguer a voz e as administracións seguen dando as costas ás demandas da veciñanza, o Deza terá que demostrar, como fixo sempre na súa historia, que a dignidade da súa xente non se vende nin se cala.