Esgrafiados: Unha mostra da arte popular

daniel gonzález alén LALÍN

AGOLADA

Daniel González Alén

Seis edificios decorados con esa técnica atópanse no concello de Agolada

09 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O esgrafiado é unha técnica arquitectónica utilizada para a decoración no lucido e revestimento dos muros dos edificios de todo tipo de construcións. O termo, de orixe italiana sgraffiare, aplícase tanto á acción artesá coma ao produto resultante, segundo refire a Wikipedia. Na albanelería, considérase unha variedade ou tipo de gravado realizado sobre unha superficie estufada ou sobre as xuntas de pedras de cachotería ou cantería, a partir dun morteiro formado por area e cal que aplicado á parede permite executar formas e debuxos ao retirar ou raiar a capa exterior. As veces, adoitan utilizarse patróns con motivos xeométricos seriados, figuras humanas, de animais ou calquera outro obxecto sinxelo.

En Galicia, esta técnica tivo o seu esplendor durante todo o século XIX e os primeiros anos do XX, período no que os esgrafiados estaban de moda para adornar e tamén para illar da chuvia e das humidades en moitas construción civís, relixiosas e ata populares. Abondan as mostras nas terras da Galicia central, de xeito especial nas comarcas da Ribeira Sacra e da Ulloa. Moito menor é a presenza de esgrafiados nos seis concellos da comarca de Deza, onde os temos localizados en medio centenar de edificios e que iremos publicando neste medio en sucesivas reportaxes, comezando nesta ocasión polos seis que se atopan do municipio de Agolada.

Da existencia dos esgrafiados de Deza deron conta os membros do Seminario de Estudos Galegos, cando percorreron estas terras nas xeiras dos anos vinte do pasado século. Por desgraza moitos desapareceron co paso do tempo pola erosión, a falta de mantemento -ao seren substituídos por encintado con cemento e o pintado con cal, modalidade que paulatinamente se iría impoñendo nas novas construcións a partir do primeiro terzo do século XX- e xa, nos nosos días, unha e outra modalidade foron minguando coa moda de deixar a pedra á vista nas vellas construcións obxecto de rehabilitación ou mellora.

De entre os esgrafiados que temos localizado no municipio de Agolada, destacan os da igrexa parroquial de San Paio de Bais, dos que demos conta tempo atrás, cunha curiosa representación bélica dun cabaleiro ao que apunta cun fusil un soldado, e varios motivos vexetais e xeométricos. O conxunto precisa unha axeitada restauración que permita velos con todo detalle. Son notables os da reitoral de Trabancas na ampla parede da fachada principal e nunha lateral, así coma os dunha casa señorial en Vilar de Ventosa, dos que xa teñen publicado algo Manuel Busto e Angel Utrera.

Consérvanse parcialmente os esgrafiados do pazo de Outeiro de Rei en Basadre, os da casa do Perito en Berredo e os da antiga casa do Caldeireiro na capital municipal.

Polo de agora, non temos localizado aos autores dos esgrafiados, albaneis que compaxinaban este labor con outros propios do oficio que foi mudando co paso dos anos. Pero nesa procura continuamos, coa axuda dos nosos colaboradores e a de quen nos poida achegar información sobre o particular.