A Saleta das Trabancas, a grande romaría dos veciños de Agolada

daniel gonzález alén LALÍN

AGOLADA

Daniel González Alén

No campo da festa se chegaban a contar fai anos con 80 postos

24 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A festa da Saleta congregou nas Trabancas (Agolada) aos incondicionais desta tradicional celebración que ten lugar o 19 e 20 de setembro de cada ano. A parte relixiosa incluíu misas rezadas e solemnes oficiadas polo cura párroco José García Pájaro e cantada pola Coral Polifónica de Agolada na primeira xornada, con sonllas procesións portando imaxes da Virxe da Saleta e o Santo Antonio, ao que tamén se dedica o segundo día da festa. Os devotos pasaron por debaixo da imaxe da Virxe e algúns retratáronse onda a imaxe ao rematar o culto. Logo seguiu a parte profana, que na primeira das xornadas, contou coa Banda de Musica de Agolada, acompañando a procesión, para ofreceu concerto na sesión vermú, que na segunda xornada amenizou o Trío Alegría, correndo as verbenas por conta da orquestra Solara e grupo Tania Veiras, que completaron o programa artillado polos membros da Asociación de Veciños San Mamede.

O amigo José María Blanco, que fai de sancristán, lembra cando hai anos a Saleta era a festa mais imporante da contorna, por riba aínda da do patrón da parroquia San Mamede polo 7 de agosto, e no campo da festa se chegaban a contar ata oitenta postos de taberna e mercadorías. A igrexa que en tempos remotos foi capela para ser logo ampliada no barroco, non era dabondo para acoller aos milleiros de devotos que aquí chegaban, os mais deles ofrecidos. Poxábanse as andas para portar a Virxe, nas dúas xornadas da festa.

O culto da Saleta é replica da máis famosa que se celebra en Francia, que chegaría a diversos lugares de toda España, xa na segunda metade do século XIX, sendo a Saleta de Siador, en Silleda, a primeira e as de Trabancas de Agolada, a de Xaxán en Lalín ou a de Loimil na Estrada, en datas posteriores.

O investigador e amigo Xosé Ramón Pérez Salgado achegounos unha referencia dando conta da participación da Banda de Musica de Ventosa na romaría da Saleta vai agora para cen anos, segundo publicada a prensa de entón: «En setembro de 1928, os días 18, 19 e 20, a Banda de Ventosa acudiu ós brillantes festexos na honra da Virxe da Saleta, en Trabancas. Fixeron a súa entrada ás 6 da mañá do 18 cun repique de campás. O 19, dianas xunto coa banda de Muimenta, con misa e procesión ás 11, baile campestre ás 17 e verbena de 21 a 2. Con motivo desas festas tradicionais, un grupo de persoas de Agolada ? Socorro Barrio, Generosa Negro, Conchita Costa, Aurora Meixide, Dionisio Sucasas, Bautista Sieiro… - fixeron unha excursión a esa parroquia. Amenizaron a mesma os músicos de ambas bandas e o Gaiteiro de Penela».

Unha romaría minguante

O profesor e investigador agoladense Manuel Busto Galego, deixou constancia do esplendor e a decadencia desta celebre romaría en varios dos seus recentes traballos: «De todas as festas campestres que houbo n’Agolada, A Saleta era a raíña. No pasado foi, xunto coas festas do Faro de Ventosa, o evento máis multitudinario da contorna. Gozaba de merecida sona, especialmente pola numerosa concorrencia e diversidade da festa. As datas do 19 e 20 de setembro eran datas sinaladas no calendario. Aquí acudían en multitude as xentes da contorna, quizais para despedir o verán. A parte relixiosa comprendía dúas misas e a procesión, que ascendía desde a igrexa ata os tres cruceiros situados diante das escolas, na mesma entrada da carballeira. Logo viña a parte profana coas bandas de música e orquestras varias,, fogos artificiais, carballeira ateigada de chigres, bandeirolas, lucerío e moitos xantares campestres. Era unha festa para celebrar desde a mañá á noite. A tarde transcorría lenta arredor das viandas. As familias, sentadas no chan dos prados ou da carballeira, compartían alegrías e brindes. Os paseos completaban a sobremesa pola estrada ata, pola noitiña, darlle a benvida á verbena. Na actualidade, os xantares campestres ou na carballeira desapareceron por completo e o resto minguou ata reducir a celebración a un evento parroquial sen a transcendencia pasada. Agora síntese a nostalxia daquel vigor festivo que coñecemos naqueles anos. Pero unha mirada ao Farelo regala unha fermosa panorámica destas terras das Trabancas. Con máis festa ou menos festa, nunca se perde o tempo recreándose na paisaxe».

Da parroquia das Trabancas xa temos ofrecido reportaxes, dos seus petróglifos de Picurela, parte deles salvaxemente arrasados, das mámoas con parello destino e da igrexa barroca con retablo de 1767 e vellas imaxes, e aínda habemos volver publicar versando da historia e patrimonio destas terras lindeiras coas da Ulloa lucense, das que queda moito por contar.