Eva Fernández Blanco, propietaria de A Cova Mel e Apicultura: «O mellor da experiencia é ver que se pode vivir e traballar no rural»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

miguel souto

A pandemia frustroulle seguir plenamente facendo eventos, e fíxose abelleira

14 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai historias de vida como a de Eva Fernández Blanco (Agolada) que, sen dúbida, deron uns cantos xiros. Estudou enxeñería en Ferrol, centrándose na especialidade de deseño industrial e desenvolvemento de produto. Posteriormente despois de facer prácticas en Arteixo decatouse de que non quería traballar nunha oficina e cun horario fixo. Nese momento Eva decidiu volver ao pobo, traballou na empresa familiar, apostou polo sector dos eventos pero acabou creando Studio Kléc e A Cova Mel e Apicultura. Pero quen mellor que ela mesma para contar todos os camiños percorridos.

—A oficina non era o que buscaba, traballar con meus país na empresa familiar tamén durou pouco, e aí foi cando lles pedín diñeiro para comprar un ordenador e algo de material e empecei coa miña pequena empresa. Nun comezo adiqueime a facer logotipos, pequenos traballos de papelería e funme encamiñando ao sector dos eventos. Así naceu Studio Kléc, e na actualidade sigo cos eventos, traballo que compaxino coa miña recente incorporación á apicultura.

—En que momento comeza entón ese interese pola apicultura?

—A raíz do coronavirus. Nese momento tiven que parar por completo. Non tiña case ingresos e o futuro non estaba claro como se ía presentar. Aproveitei para empezar a promocionar unha finca familiar para a celebración de eventos, e fixen algún traballo, pero tiven que parar de repente. Nunca me sentín tan frustrada! Tiña necesidade de facer cousas e volqueime en seguir preparando esa finca, na que había tres colmeas que tiña meu pai.

—Algún familiar xa se dedicara entón á apicultura?

—Non. Esas tres colmeas das que falei chegaron á casa por un cliente, que por desgraza pechara a súa explotación, e vendeulle algo de material apícola.

—Entón, nada de empurrón para comezar con isto?

—Non. Son unha persoa de natureza inquieta, que goza aprendendo e descubrindo cousas, e unha delas foi poder traballar na finca no tempo da pandemia e formarme para que esas tres colmeas volvesen producir. Quizais a casualidade, o coronavirus, estar empezando ese proxecto que se frustrou, e que estiveran alí as colmeas abandonadas foi positivo e providencial.

—Coas tres colmeas arranca pois un novo proxecto empresarial; A Cova mel e apicultura.

—Así é. Coas miñas colmeas que están no monte Farelo, en Agolada, comeza esta nova etapa e o nome de A Cova ven pola finca que se chama A Cova do Farelo, onde tiña pensado celebrar os eventos, e quixen manter o nome para recordar ese inicio. De momento traballo eu soa neste proxecto; hai que ter en conta que empecei fai apenas un ano e de momento non teño moitas colmeas xa que estou centrada na formación. O verán pasado xa conseguín unha pequena produción de mel, que fun regalando e dando a probar a coñecidos e amigos... De cara a este ano xa teño pensado incorporar unhas 55 colmeas máis, a maiores das dezaseis que teño. Estou preparando tamén unha tenda on line, na que se poderá mercar o mel a partir do próximo setembro (www.acovameleapicultura.com) e este mes comezamos a movernos nas redes sociais para ensinar todo o proceso.

—Que está sendo o mellor disto?

—Que me atopei con xente moi válida, con experiencia, que non dubidou un segundo en darme consellos e axudarme, e quixera darlle as grazas. Tamén que se a miña experiencia lle poder valer a alguén que dubide en iniciarse, que saiba que o mellor desta experiencia é ver que se pode vivir e traballar no rural.

«Gustaríame explotar a parte turística con rutas de sendeirismo e degustacións»

A formación e ampliar o proxecto apícola centra na actualidade os tempos de Eva.

—Formarse é fundamental e niso estou ao igual que reformar un baixo para facer alí a extracción e posterior envasado para a futura venda do mel. É certo tamén que me gustaría explotar un pouco esa parte formativa e turística ao redor da apicultura con rutas de sendeirismo polo Farelo, degustacións de mel e produtos apícolas ademais de poñer en valor a zona, a apicultura e o gran traballo que fan por nós as abellas.

—Que está sendo o máis complicado desta nova aposta profesional?

—O ter que compaxinar a formación co traballo. Sigo coa miña actividade anterior e teño que formarme, á vez que inverto nun novo negocio, e iso é complicado pero tamén satisfactorio. Non me queixo xa que estou facendo o que quero e vivindo no meu pobo, así que a pesar do traballo extra podo dicir que me considero moi afortunada. Continúo coa organización e decoración de eventos, que compaxino coa formación e a apicultura. É perfecto!

—A presenza das velutinas dá quebradizos de cabeza aos apicultores. Cal é a situación aí?

—Por sorte, de momento ao Farelo non chegaron as velutinas, ou polo menos na zona na que teño as colmeas, quizais por estar a máis altitude. A presenza das velutinas é un problema permanente, un traballo a ter en conta dentro das tarefas apícolas. Sen dúbida que é necesario sumarnos todos ao carro do trampeo, anticiparnos aos problemas e pillar as raíñas antes da posta da cría e non unha vez que nos apareza un niño preto.

—Un sector con poucas mulleres?

—Non sei moito... Son nova nisto (ri). Se hai poucas non sei a que se pode deber; o que sei é que aquí as mulleres sempre destacaron polo seu traballo no rural.

Mel multifloral.A primeira produción meleira saída de A Cova, que se comercializou o pasado verán, é un mel multifloral obtido sobre todo de brezos, xestas e silvas que abundan na zona do monte agolense do Farelo. Trátase dun produto que presenta unha cor ámbar e sendo o seu sabor doce.