A Mostra de Artesanía saca o lado máis moderno de Agolada sen perder as raíces

andrea otero / R. G. LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

E CUIÑA

Os asistentes puideron gozar dos postos Pendellos, exposicións de pintura e debuxo, charlas literarias e elaboracións gastronómicas en directo

12 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Uns corenta artesáns déronse cita onte na primeira xornada da Mostra de Artesanía de Agolada. Pasadas as 11.00 horas foi inaugurada a mostra cos discursos do deputado Manuel González e o alcalde, Luís Calvo. «Facedes un concello máis moderno, pero respectando as raíces», indicou o deputado. De seguido, o mandatario agolense deu o seu discurso de agradecemento aos asistentes e participantes da mítica celebración que xa vai pola súa vixésimo cuarta edición. «Os artesáns son persoas que chegan dende distintos puntos da nosa xeografía e que fan verdadeiras marabillas coas súas mans», indicou o rexedor agolense.

Ao rematar a inauguración, as autoridades e asistentes puideron facer un percorrido polos diversos postos de artesanía nos Pendellos, que tiñan á venda bixutería, cestería, artesanía mariñeira, xoguetes tradicionais, elementos de decoración, xabóns e outros produtos naturais, como aceites e bálsamos. Tamén se puido visitar a exposición de pintura e debuxo do artista e estudante de arquitectura José Ángel Ayude, que presentou obras de temática hiperrealista e da cultura pop. Noutro dos Pendellos estaban presentes os escritores Javier Aboy e Pablo Otero para charlar co público da mostra e dando a coñecer as súas obras.

Entre a programación tamén atopamos os showcooking cos chefs Álex Iglesias e Iván Méndez. Onte, baixo a mirada do público que se deu cita nos Pendellos, prepararon zorza de mar, verduras da horta en tempura e emulsión de aguacate ou rosbif de tenreira de Agolada con salsa de tetilla de Farelo, crema de castaña e panache de setas. Para a sobremesa prepararon unha cheese cake de requeixo das Neves, froitos vermellos de O Rosal e galleta de castaña.