Melanoma, coidadiño cos de Agolada

Xosé R. Bustelo PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE INVESTIGACIÓN SOBRE O CANCRO

AGOLADA

19 oct 2020 . Actualizado a las 17:02 h.

Na Agolada aínda resoan os ecos de batallas protagonizadas polos seus señores feudais contra o arcebispo compostelán no século XIV, dos irmandiños cen anos despois e do guerrilleiro Florencio durante as guerras carlistas do XIX. Non é estraño por elo que Marisol Soengas, unha das paisanas máis coñecidas desa zona, sega a librar a súa guerra particular contra un inimigo aínda máis maligno: o cancro de pel coñecido polo nome de melanoma.

O resultado da súa última batalla contra esta enfermidade acaba de publicala este luns a revista «Nature Medicine». Neste traballo identifícase unha función descoñecida dunha molécula, denominada Midkine, que é liberada polas células dese cancro. Ata este momento, e grazas a traballos previos do grupo da doutora Soengas, pensábase que a Midkine tiña coma función principal favorecer a formación de metástases neste tipo tumoral. Os novos datos publicados este luns revelan que esta molécula ten outra función esencial: a de promover a formación dun «paraugas» inflamatorio arredor das células do melanoma que evita a súa destrucción polo noso sistema inmune.

Este avance ten unha repercusión importante para o coñecemento da evolución deste cancro. Tamén o ten desde un punto de vista terapéutico, posto que o grupo da doutora Soengas demostrou con modelos animais que a inhibición da Midkine facía moito máis efectivas as inmunoterapias que se están empezando agora a usar nos hospitais. Estes resultados abren un camiño potencial para mellorar as taxas de curación dos pacientes de melanoma. O traballo do grupo de Soengas tamén da pistas sobre outros elementos da maquinaria celular activada pola Midkine que poderían seren usadas como posibles dianas terapéuticas. E, anque isto fica por demostrar no futuro, tamén apunta a que este programa biolóxico pode actuar noutros tipos tumorais. Como todos os avances feitos nos laboratorios de investigación básica, esta senda pode representar un camiño sen saída. Sen embargo, os datos aportados son o suficientemente convincentes como para investigar a súa utilidade clínica real nos próximos anos. Sendo da Agolada, é previsible que esta non será a derradeira batalla de Soengas contra este cancro tan maligno.