«Evitar o éxodo de traballadores e empresas do rural é fundamental»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

Susana Miguélez traballa nun plan de apoio á competitividade empresarial e á contratación zonal

23 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O confinamento fixo xurdir innovadoras iniciativas en moitos recunchos das nosas comarcas. Algunhas delas están encamiñadas a impulsar o comercio, como é o caso de Mercanagolada, e outras céntranse en empresas e autónomos. Así, o pasado día 15 botou tamén a andar Terras do Arnego e Farelo, dentro do proxecto autonómico impulsado pola Asociación Envaco, que preside o sociólogo Xosé González, con Sonia Negro Sarandeses como comisaria -que ostenta a función de xestión entre o territorio independente e a xunta directiva de Envaco- e Susana Miguélez Carballo en calidade de delegada -ocupándose da dirección e representación da asociación no territorio-, ambas nadas en Agolada e vinculadas ao téxtil. Tamén, e de xeito adicional, están vixentes cargos de vogais e voluntariado dentro do colectivo.

-Primeiro: como nace Mercanagolada?

-É o resultado dunha necesidade persoal. Ao comezo do confinamento polo covid-19 pensei no negocio que teño en Agolada, con dous empregados, e co obxectivo de evitar un expediente de regulación temporal de emprego apostei por facer un grupo de Facebook para animar aos negocios veciños do concello a que se anunciasen e expuxesen os seus produtos. Vendo a grande afluencia e o éxito da participación do grupo, decidín poñerme en contacto con Sonia e xuntas démoslle forma á idea, e buscamos apoios, os necesarios para desenvolver un proxecto de asociacionismo. Así, ao ter moitos membros e vendo unha necesidade colectiva levounos a crear unha entidade independente chamada Terras do Arnego e Farelo, con sede en Agolada.

-Quen están detrás deste proxecto?

-Estamos un grupo de persoas novas, emprendedoras e dinámicas. Cabe subliñar que formamos parte dun proxecto xestado a nivel autonómico, impulsado pola Asociación Envaco (Emprende, Valoriza e Compite), que preside o sociólogo e experto en mercadotecnia Xosé González, ourensán que residiu longo tempo en Lalín e que profesa un cariño especial á nosa terra. Dende o minuto un quixo involucrarse neste proxecto de forma incondicional, ao igual que toda a xunta directiva central do colectivo.

-Cal é a súa finalidade?

-É un proxecto ao que se pode adherir calquera autónomo, comercio ou empresa que desenvolva unha actividade dentro do territorio do Arnego e Farelo, e tamén está aberto a calquera desempregado que teña unha iniciativa emprendedora dentro do marco da nosa asociación en materia de autoemprego no rural.

-De que xeito se pode facer?

-Unha das opcións é dende o formulario ao que se pode acceder dende a nosa páxina web, que é: https://atearfa.org. Logo está a posibilidade de modalidade presencial nos puntos físicos que se habilitarán. Non obstante, a nosa páxina web conta cun sistema de encriptación que garante un contorno seguro na transmisión de calquera dato.

-Que é Atearfa?

-É un proxecto de desenvolvemento cultural que se propón na actualidade en varias fases, no que terá especial orientación o desenvolvemento dos ecosistemas empresariais, o emprendemento e a integración laboral. Todo pensado para evitar o éxodo de empresas e traballadores do contorno rural, coa consecuente despoboación de ditas zonas. O plan é apoiar a competitividade das empresas e dos establecementos comerciais existentes, sumando a creación de iniciativas emprendedoras que á súa vez contraten persoal das propias zonas, e que non recorran a traballadores de fóra.

Susana Miguélez Carballo. Agolada. Empresaria do sector téxtil dende o ano 1996, con tendas físicas en Lugo e Agolada, e traballadora do sector inmobilario como axente.

Sonia Negro Sarandeses. Val de Sangorza, Agolada. Empresaria do sector téxtil e tecnolóxico.

«O centro comercial A Feira do 12 é unha tenda virtual que se atopa na súa fase final de desenvolvemento»

A xunta directiva de Terras de Arnego e Farelo está traballando na actualidade en varias frontes de actuacións. Unha delas é un centro comercial virtual.

-Denominámolo A Feira do 12. Dito centro comercial virtual xa está rexistrado, accesible en https://afeirado12.com, e conta con certificación SSL, que garante a seguridade das transaccións. Na actualidade atópase na fase final de desenvolvemento, e cando estea todo rematado empresa e comercio poderán dispoñer de tenda virtual e dunha ficha individualizada da súa firma. Grazas á creación desta plataforma, garántese unha difusión da marca Terras do Arnego e Farelo. Implantaremos tamén un proxecto piloto en Agolada, cun novo formato de asociacionismo baseado na descentralización e na proximidade coas persoas, e mediante distritos independentes e autónomos. O noso colectivo ten un forte contido social e de integración. Entendemos o desenvolvemento dunha zona no seu conxunto; é dicir, crear e consolidar empresas para xerar emprego. Sen un extremo non pode existir o outro, ambos deben coexistir. Apostamos por desenvolver a zona na que nacemos, e nun futuro crearemos eventos para promocionar as nosas contornas.

-Que acollida está tendo esta iniciativa ata a data?

-Non pensamos na acollida real do proxecto na actualidade, pero si a que terá nun futuro. Certo é que as nosas enquisas superan as expectativas nas que pensabamos ao comezo, e cremos que se poderá manter por si mesmo. Nos tempos que corren entendemos que a sostibilidade dunha asociación debería ser o primeiro punto antes de creala. Nós preferimos xerar riqueza na contorna e traballar da man dos nosos adheridos, e, sempre que queiran, coas institucións.