Xavier Mouriño e Lola García: «Somos un equipo conxuntado e no claustro hai xente moi traballadora»

Irene Martín SANTIAGO / LA VOZ

AGOLADA

PACO RODRÍGUEZ

Destacan que Ubaldo Rueda e Maribel Martín deixaron o listón «moi alto»

23 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O vello despacho, un cubo derriba do frontispicio, non mudou: dúas mesas de traballo, un sofá de tres máis dous, un facistol e o privilexiado balcón á fonte. Si cambiaron os ocupantes, porque dende hai ano e medio Xavier Mouriño (Agolada, 1959) e Lola García (Santiago, 1967) son o director e vicedirectora do IES Rosalía de Castro respectivamente. «É jodido, porque despois de Ubaldo vou ser o vilán», confesa o relevo de Ubaldo Rueda, alma mater do centro durante media vida. «Non é só cuestión de dedicarlle tempo -agrega-, hai que ter certas habilidades para un posto así e vai ser moi complicado manter a dinámica. Onde me meto eu?, pensaba». Pero a vicedirectora sae ao paso axiña: «Os demais animámolo porque tiña moitas simpatías entre o profesorado, levábase ben con todo o mundo e xa viña formando parte do equipo directivo dende 1991. Así que foi un relevo ‘natural’, rubricado polas correspondentes eleccións».

O instituto, que ten 1.100 alumnos e 111 profesores, imparte ESO (tamén ESA, que é como se chama para os adultos), bacharelato (tamén a modalidade de internacional) e ciclos superiores. No último decenio produciuse unha ampla renovación xeracional, xubilándose docentes de referencia, «pero as dinámicas se manteñen, porque o profesor que ven ao Rosalía ve que o ambiente e os propios alumnos son esixentes coa calidade do ensino», segundo explica o director. Medias de 8,03 no bacharelato e de 7,60 na selectividade acreditan os resultados: «Son medias moi altas, estamos entre os mellores centros de Galicia, así que os nosos alumnos saen moi ben preparados», subliña. Por outra parte, profesores retirados seguen participando en actividades do centro, como a preparación para as olimpíadas de distintas materias, o coro, etcétera. A dirección tamén agradece o «dinamismo e compromiso» da ANPA, que preside actualmente a ex alumna Sonia Beiras.

Para Mouriño o equipo directivo é fundamental: «Somos un grupo moi conxuntado cun ideario común. E no claustro temos xente moi traballadora». Os dous advirten que Ubaldo Rueda e Maribel Martín (xefa de estudos máis de vinte anos) deixaron o listón «moi alto». Lola reivindica o traballo dela: «A Maribel, que pasa máis desapercibida, chamámola para todo. Ten unha cabeza privilexiada, era única coa organización dos horarios. E foi pioneira cos asuntos do voluntariado no instituto». Por outra parte, a vicedirectora actual afirma dicir sempre o que pensa, e agrega que Xavier é máis diplomático. «Eu son máis dos nenos. Hoxe os rapaces estudan unha barbaridade. Van a música, inglés, fan deporte… Teñen interese por todo e son moi agradecidos e cariñosos. Véxome moi próxima a eles, así que me poño no seu lugar. Na miña opinión, teñen exceso de presión e responsabilidade», segundo explica.

Os premios literarios San Clemente, o de ensaio Bento Spinoza e o científico Stephen Hawking son galardóns que ocupan lugares preferentes entre as accións educativas do centro. O primeiro, de desbordante proxección cultural e internacional, cumpre vinte e cinco anos «creando lectores novos», segundo apostila a dirección, cuxo acto de entrega se celebrará o 31 de marzo no

Auditorio Abanca da rúa do Preguntoiro. «Son setenta e seis escritores premiados de todo o mundo por adolescentes de dezasete anos. Estamos ante o canon literario do último cuarto de século», engade Mouriño, mentres que Lola di que é o premio máis bonito: «Os nenos víveno moito e dá gusto velos cos autores, sentados xuntos na cea de gala». O baloncesto é, igualmente, unha sección relevante do centro. Polo seu pavillón pasan habitualmente uns 400 alumnos de varios institutos da cidade.