A parroquia de Ventosa, en Agolada, tamén celebrou a festa do Faro

A súa igrexa románica foi considerada por Filgueira como a «catedral da arte rural galega»


Lalín

Poida que non sexan tan famosas e concorridas coma as súas homónimas que se celebran no antigo santuario que preside a Serra do Faro entre Rodeiro e Chantada, pero as festas do Faro de Ventosa, teñen sona nestas terras da Galicia central polos seus programas que inclúen as mellores bandas de música e orquestras do momento sen descoidar o aspecto relixioso, con misas rezadas e cantadas, e procesións dende a igrexa ao cruceiro ata o campo da festa renovando ano tras ano a devoción ás Virxes María Auxiliadora e a do Amor Fermoso, que teñen a súa morada terreal na senlleira e fermosa igrexa parroquial, que se ten pola «Catedral da arte rural galega».

Nesta edición da festa os concertos estiveron a cargo das bandas Artística de Merza e Municipal de Agolada e as verbenas amenizadas polas orquestras Panamá, Charlestón e Cinema. Ninguén sabe de onde lle ven o nome do Faro a esta celebración de Ventosa nin cando se comezou, aínda que é fácil supoñer que ten que estar relacionada coa que nestas mesmas datas ten lugar no Santuario da Nosa Señora do Faro, que dende hai séculos é punto de encontro espiritual dos crentes destas terras do interior de Galicia. Pero a Virxe do Faro non puido aquí coa devoción que se lle profesa a María Auxiliadora e á do Amor Fermoso, outras representacións da Nai de Deus que con dúas fermosas imaxes das de vestir se veneran e teñen principal celebración nesta importante parroquia que en tempos foi xurisdición e concello. As festas do Faro de Ventosa téñense polas mellores de cantas se celebran no Concello de Agolada, por riba das que teñen lugar na capital municipal e mesmo superando ás da Saleta de Trabancas, réplica ao igual ca de Siador en Silleda do célebre santuario francés, coa que en tempos disputou sona e concorrencia.

Mérito da unión e o entusiasmo dos pouco máis de trescentos veciños que ten esta importante parroquia que preside o Farelo, e que celebra tamén a Festa do Emigrante, a Pascua, o Santo Anxo da Garda e o San Silvestre, estas dúas últimas nas súas respectivas capelas de Axíaz e Monte.

Senlleira igrexa parroquial

A igrexa parroquial de Ventosa é unha das máis fermosas e senlleiras de Deza, sendo obxecto de estudo, descrición e promoción en numerosas publicacións. A que o erudito Filgueira consideraba «a catedral da arte rural galego» románica foi construída entre os séculos XII e XIII, conservando boa parte da estrutura orixinal malia ser ampliada no século XVI polo fondo, destruíndo a ábsida e ampliándoa con dúas capelas laterais formando cruz latina, e aínda no XIX, engadindo unha pequena sancristía. Conta cun interesantísimo conxunto escultórico formado polos elementos de dous baldaquinos do século XVI e cun senlleiro sepulcro con estatua xacente do abade D. Lope de Ventosa.

O retablo principal da igrexa, obra do ebanista Cumplido de Cadrón

O retablo principal fíxoo a mediados do século pasado o ebanista Cumplido de Cadrón (Lalín) ao que habemos adicar unha reportaxe axiña, e nel acomódanse antigas imaxes de entre as que destacan un par delas en pedra: unha do San Miguel que porta unha romana para pesar as almas que van ao xuízo final e outra dunha Virxe sedente, que deberon pertencer a un dos baldaquinos que se desmontaron para adousar as paredes da igrexa. Outras tres imaxes destes baldaquinos exhíbense no Museo de Pontevedra cedidas décadas atrás polo investigador Casto Sampedro. A primitiva igrexa poida que estivera no lugar coñecido por Os Chaos, onde se localizan dous sartegos antropomorfos escavados na pedra e parte de outro, que hai máis de vinte anos nos foron mostrados polo malogrado amigo Antonio de Bendoiro e dos que Luís Fernando Pérez Méndez publicou un pormenorizado estudo en tempos recentes. Debeu ser unha construción prerrománica que se reconstruíu no actual emprazamento entre os séculos XII e XIII, no románico entón imperante, sendo ampliada posteriormente, privándoa de algúns elementos orixinais. Nunha casa de labregos podentes próxima puidemos ollar hai vinte anos un sartego que saíu do templo e serve de pia para beber o gando e tamén outras pezas reutilizadas na construción dos muros e valados das que informamos ao prezado Arsenio Galego, celoso e benquerido párroco nesta e noutras parroquias de Agolada onde exercía deica a xubilación o seu labor pastoral que agora continua o noso veciño e amigo, Xosé García Pájaro do que cabe esperar semellante dedicación á do seu antecesor na conservación e mellora do patrimonio relixioso das freguesías que ten o seu cargo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

A parroquia de Ventosa, en Agolada, tamén celebrou a festa do Faro