«Son cancións de varios países do mundo»

amelia ferreiroa

AGOLADA

miguel souto

O auditorio de Agolada acollerá este sábado un concerto coral de primavera con formacións de A Coruña, Monterroso e agrupación local

21 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A entrada da primavera motiva a celebración este sábado, a partir das 20 horas, no Auditorio de Agolada dun Concerto Coral que organiza a Coral Polifónica da vila; que dirixe Alejandro Piñeiro, e que contará coa Coral Polifónica de Monterroso e a Coral Escolma Coralis de A Coruña como convidadas. Unha cita musical que, segundo aventura Piñeiro, promete ser do agrado de quenes acodan.

-Primeira actuación da tempada primavera-verán.

-Os primeiros meses do ano son para preparar repertorio e despois van xurdindo actuacións. Este é un repertorio difícil e complexo. É unha proposta arriscada se temos en conta o traballo dos últimos meses con proxectos como o de «Auga que non vas beber» de Fantoches Baj, o Concerto de Reis cun repertorio completamente novidoso nunha formación como a nosa amateur, na que a xente non ten coñecementos de música pero que resolve o que se prantexa... Hai moito traballo e moita vontade e esforzo por parte dos coralistas.

-Cal é a proposta que traen para o público do concerto sabatino?

-Son cancións de varios países do mundo. Comezaremos cunha poesía fermosa que nos chega dende Finlandia, bonita pero moi complicada, farémoslle unha pequena homenaxe a Eduardo Correa falecido recentemente e indo asía ata Arxentina e deternos tamén en Sudáfrica. Unha coral debe ter unha función didáctica e social que é levarnos a coñecer outras culturas e de zonas tan distantes como Finlandia, Arxentina e Sudáfrica.

-Non hai barreira idiomática?

-Cando empecei na coral ocorréuseme meter unha canción en vasco, a xente tíñalle medo ao euskera, pero unha vez a cantamos xa podemos facer de todo (risas).

-Cales son as seguintes actuacións previstas?

-O vindeiro 6 de abril participaremos nun concerto de música sacra en Gondomar, para outubro devolveremos visita á Coral Escolma Coralis que estará o sábado con nós xunto a Coral de Monterroso e barallamos un intercambio fóra, de varios días.