«Pasei vintecinco anos sen pechar un só día o negocio, sempre en pé»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

rober amado

Recoñece que a hostalaría é escrava pero, pese a estar xubilada, segue aínda axudando

23 feb 2019 . Actualizado a las 08:30 h.

Forma parte dese cada vez máis cativeiro grupo de cociñeiras que levan toda unha vida detrás dos fogóns, alegrando os padais dos comensais. Julia Vázquez Álvarez, «pon Julita Currás que é como me coñece todo o mundo»; sentencia, criouse nunha taberna, casou, fíxose cargo do negocio familiar que non pasaba por bos momentos, conseguiu reflotalo e na actualide aínda que xa dende a xubilación continúa botando unha man na cociña.

-De onde procede o nome de Currás?

-De meu pai Manuel. Era da Casa Currás de Ventosa (Agolada), que xunto a miña nai Esperanza; natural de Alfonselle en Lalín de Arriba, foron quenes abriron a taberna no ano 1941.

-A taberna sempre ocupou o mesmo espazo?

-Non. Tivo varios emprazamentos. O primeiro sitio que ocupou foi xusto ao carón do Casino, na Casa do Ferreiro número 41, era unha taberna como as de antes que funcionaba sobre todo os días de feira e nas fins de semana. Lémbrome que se vendían ata 25 olas de viño un sábado. A taberna tiña unha cociña, dúas mesas e un mostrador... non había máis... e os que viñan das minas da Brea de traballar no wolframio; con cartos dabondo no peto, consumían moito e logo quedábanse a durmir na taberna no chan con palla. A taberna estivo alí ata o ano 52 en que pasou para a esquina do Bar Enrique, que foi de meus pais, e logo no ano 60 xa nos viñemos para a ubicación que se manten na actualidade na Praza da Igrexa.

-En que momento se fixo cargo do negocio familiar?

-Moi nova. Con dezanove anos. Casei no 62 e xa collín a taberna e dende entón aí continúo. E aínda que agora estou xubilada gústame botarlle unha man aos fillos e ao neto.

-Como estaba a taberna no ano 1962 cando se fixo cargo dela?

-Mal. O momento era malo e tiven que empezar coma quen di de cero. É certo que tiña algunha clientela de antes pero fixen moita nova, pero foi grazas a traballar moito. Hoxe fálase moito de vacacións, de cerrar un día á semana... eu pasei vintecinco anos sen pechar un só día o negocio, sempre en pé. Só por fin de ano e por Nadal nos podiamos sentar coa familia a cear. Esta éche unha profesión moi escrava, pero teño que recoñecer que a xente me respetou moito nestes anos e eu tamén sempre respetei á clientela.

-Lembrará a primeira edición da Feira do Cocido, como fora?

-Preciosa. Unha feira moi bonita con carros engalanados, moita xente... non tanta como agora, claro. O certo é que todos lles deron para arriba á feira; dende Cuíña a Crespo. A verdade é que Crespo foi quen levou a feira polo mundo, e proba diso foi que aquí chamou xente de Inglaterra, Canarias, Barcelona... para encargar cocido. Os comendadores, aos que se lles impuñan as capas, deixaban cartos no pobo. O que hai que facer é conservar o que temos, pero sempre traballando para ir a máis. Para que te deas conta da expansión que ten o noso cocido, nunhas vacacións que pasei en Altea ao saber que era de Lalín xa me falaron directamente do cocido. Deixeilles tarxeta e un pin do cocido.

-E o seu primeiro cocido?

-Mal (risas). Tiña dezanove anos e cocín tres lacóns para comer quince persoas... Xa te podes imaxinar o que sobrou e daquelas non había conxelador para gardar as sobras. Pedínlles a todos que viñeran comer de novo para non ter que tirar a carne. Levo cincoenta e cinco anos facendo cocidos, sempre con materia prima de gran calidade, pero antes facíase só de verzas. O grelo introduciuse coa feira.

Perfil. Considérase unha traballadora incansable, que compaxinou a atención ao público coa cociña e o coidado dos fillos.

Experta en queixos. Casa Currás tiña tamén sona pola calidade dos queixos, que ían mercar a Monterroso, Agolada e Sobrado dos Monxes, e que se vendían na taberna.

«Temos clientes que formalizan as súas reservas para comer o cocido dun ano para outro»

En Casa Currás mentres conversamos con Julita cheira a cocido, como é habitual nas últimas semanas.

-Levamos facendo cocido meses e as reservas van ata despois do Entroido.

-Cantos cocidos serven en tempada?

-Centos de cocidos, tanto ao mediodía como pola noite. Se houbera cocido no verán estou segura que se venderían tamén, sobre todo pola demanda que atopamos nos peregrinos que pasan polo pobo cara a Santiago. A demanda está sendo altísima e, este ano o peche dalgún restaurante da vila fai que as encargas incluso aumentaran.

-Cal é o perfil da súa clientela?

-É unha clientela fiel que ven, repite e engancha a outros. Temos clientes que formalizan as súas reservas para comer o cocido dun ano para outro. Veñen e xa deixan pechada data para o ano seguinte.

-Dicía que un bo cocido require dunha excelente materia prima, algo máis?

-Carne de porco afumada. Hoxe os carniceiros xa suministran unhas carnes ben afumadas e nas casas, como é o noso caso, temos un bo fumeiro para curar a carne. E un bo cocido tamén precisa cariño, e a min gústame darlle unha primeira coción na cociña de gas pero logo pasar as potas á de leña para que se vaia facendo lentamente. Hoxe fai mal un cocido quen quere! A materia prima haina de moi boa calidade, boas patacas, verzas, grelos... temos de todo.

-E aí está a cuarta xeración de Casa Currás seguindo os pasos dos bisavós.

-É moi satisfactorio que haxa continuidade no negocio. Eu estou xubilada, pero aínda lle boto unha man a José Antonio (fillo de Julita) e xa está Alberto (neto, fillo de José Antonio) tamén metido. Estou moi contenta.