A capela da Mercede de Anzo cumpre o seu primeiro século

daniel gonzález alén LALÍN

AGOLADA

Daniel González Alén

Os romeiros que van ofrecidos ao santuario do Corpiño visitaban ise templo de estilo neoclásico lalinense

29 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A parroquia de Anzo celebrou esta fin de semana as súas festas na honra do patrón san Xoán e da Ascensión de Cristo con gran concorrencia de festeiros e un bo programa de actividades. A festa comezou na xornada do sábado na igrexa románica da parroquia con misa solemne e procesión adicada a San Xoán e logo musica e verbena. Nós estivemos na celebración da festa o domingo, que tiña por escenario a capela da Virxe da Mercede no lugar do Cruceiro.

A capela, que polas súas dimensións ben se podería confundir cunha igrexa parroquial, cumpre agora cen anos na actual ubicación, segundo refire unha inscrición que pode ollarse no retablo principal. Contan os máis vellos que era unha pequena e antiga ermida adicada a Santa Tegra e San Cristovo, este ultimo ten aquí ten unha antiga imaxe que era de pedra policromada e que en tempos recentes alguén lle dou unha man de pintura ao mais puro estilo «Ecce Homo de Borja». Tamén da vella capela puido ser unha lápida sepulcral profusamente inscrita que logo de botar uns anos na casa de Taboada fronte a igrexa foi parar a un muro do recinto da capela.

Feita entre 1904 e 1918

A capela erguida en estilo neoclásico entre 1904 e 1918 sendo párroco Salustiano Rodríguez, que tamén mandou construír o retablo da igrexa parroquial, está situada no medio dunha carballeira é dunha soa nave cunha capela lateral cun retablo do referido San Cristovo. No teito do presbiterio pode ollarse un escudo coa cruz dos Mercedarios que se repite na base do retablo e no fronte do traxe que loce a Virxe, lembra a pertencía desta parroquia a poderosa Encomenda de Beade da Orde de San Xoán de Xerusalén, a que tamén pertenceron as veciñas de Busto, Noceda e Madriñán así coma outra decena das do arciprestado de Deza. Na parroquia exercían dereito de padroado e presentación os fidalgos da Casa de Brandariz da Vaiña (Agolada) e cobraban sinecura e rendas os Condes de Lemos dende o século XVI.

No retablo principal, construído no mesmo ano ca capela, poden ollarse imaxes de Cristo na Ascensión, de San Roque e San Martiño e outras máis cativas de diferente antigüidade. Tamén se garda aquí unha boa cruz procesional e un lucido estandarte da desaparecida Confradía da Virxe do Cruceiro. É costumbre que que vai a menos, que os romeiros que van ofrecidos ao Corpiño visiten esta capela cando van cara o célebre santuario.

No adro hai un ben labrado cruceiro de cando a capela coa imaxe da Virxe da Mercede no fuste e as clásicas de Cristo e a Virxe en anverso e reverso. A uns douscentos metros hai outro cruceiro procesional nunha encrucillada, iste sen imaxes e restos doutro nun valado. Tamén na carballeira outro de nova feitura propiedade dun particular cun Cristo ben labrado ao igual que un hórreo ben conservado. Non lonxe da capela a beira do camiño está a fonte da Virxe que nalgún tempo tíñase coma milagreira e tamén temos noticias doutra fonte coa denominación de San Cristovo que forma o regato local o regato local afluente do Deza, que recorda a antiga capela que aquí existiu con anterioridade.

Aparte destas festas adicadas a san Xoán e a Ascensión, en Anzo celebrase a romaría das Mercedes nesta capela o 24 de setembro, e fai anos tamén se celebraba o San Amaro ou San Mauro o 15 de xaneiro que era moi concurrida polos veciños dos contornos xa que tiña sona de ser avogosa para as doencias relacionadas coa reuma.

Da capela e da festa deixamos aquí unha reportaxe que fixemos contando coa inestimable axuda do amigo Pablo Baldonedo e Jose Criado Sanchez, sacerdote que rexe esta parroquia e outras dos contornos ademais do Santuario do Corpiño.