Arsenio Galego, «o cura das obras»

daniel gonzález alén LALÍN

AGOLADA

MARCOS MÍGUEZ

Recentemente xubilado de forma parcial, arranxou as oito igrexas que tivo ao seu cargo en Agolada

06 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O que fora bispo de Lugo, Antonio Ona de Echave, chamáballe a Arsenio Galego Méndez (Borraxeiros-Agolada, 1933) «o cura das obras», polas importantes labores de conservación, mellora e mantemento que realizaba nas construcións relixiosas que tivo ao seu cargo nas oito parroquias que chegou a rexer simultaneamente no municipio da Golada antes da súa recente xubilación. Unha xubilación «a tempo parcial» xa que aínda segue levando parroquias de Vilariño e Santa Comba mentres que das outras seis vaise encargar Xosé Ramón Pena, a maiores das que xa atende na actualidade.

En tódalas parroquias que tivo ao seu cargo ao longo de máis de sesenta anos, foi quen Arsenio Galego de levar a cabo importantes obras de rehabilitación e mellora a maiores das precisas de mantemento. Destacan as que se realizaron en Ventosa co financiamento da Consellería de Cultura e o Bispado de Lugo por importe superior aos 170.000 euros para recuperar o antigo esplendor da que se ten por unha das máis senlleiras igrexas de Galicia. Unha placa no entrono daquela igrexa, perpetúa o labor do entón párroco que xa metido en obras procurou tellados para varios templos, restaurou retablos e imaxes así coma outras melloras en igrexas, capelas e reitorais das parroquias de Gurgueiro, Santa Comba, Merlín e Brántega que rexeu o longo dos mais de sesenta anos de exercicio sacerdotal. Obras para as que contou coas distintas administracións, soubo pedir e insistir no Bispado lucense e requiriu e agradeceu a axuda económica dos fieis das parroquias que rexeu.

Carboentes e Carmuega

Quedaban pendentes as obras de mellora en dúas das igrexas que o prezado Anselmo Galego tivo ao seu cargo: Esperante e Carmuega. Pero axiña van dar comezo ao dispoñer dun orzamento de 12.000 euros para cada unha, que aportará o Bispado na súa maior parte, correndo os ferigreses cun terzo do importe preciso. E dirixindo e administrando estará este cura das «boas» obras, que nalgún tempo mesmo pensou meterse a contratista para mediar coas administracións e aforrar intermediarios.

O exercicio sacerdotal de Arsenio Galego comezou hai máis de sesenta anos nas parroquias da montaña do Caurel logo de rematar os estudos no Seminario de Lugo, para irse logo achegando ao seu concello natal. Polo medio botaría unha década en Monterroso e xa nos últimos anos tería ao seu cargo o arciprestazgo de Camba e Ventosa, que abrangue os actuais concellos de Rodeiro e Agolada. A maiores do seu labor pastoral e a prol da conservación da arte relixiosa nas terras de Agolada, tivo tempo para para escribir unha monografía titulada Cómo, cuándo y por qué se fundó la rogativa del Clamor (1983) referida a celebración que veñen realizando as parroquias de Vilariño e Bermés e tamén servir de guía a cantos visitaban as igrexas que tiña ao seu cargo.

Recentemente foiobxecto dunha homenaxe popularco gallo da súa xubilación por parte dos ferigreses de varias das parroquias de Agolada onde exerceu o sacerdocio, ao que queremos sumarnos aquí para agradecerlle o ter sido beneficiarios dos seus coñecementos e hospitalidade cando llo requirimos, no estudo e documentación destes monumentos rurais que polos que tanto leva feito dende anos atrás.