O fotógrafo holandés Ton van Vliet volta con imaxes de Agolada dos 70

amelia ferreiroa

AGOLADA

MARCOS MÍGUEZ

Realizará dúas proxeccións e participará nunha mesa redonda o 3 de febreiro sobre demografía

23 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais dos anos 70 o fotógrafo holandés Ton van Vliet pasou dos meses en terras agolenses; tempo que aproveitou para recompilar a través do obxetivoas estampas cotías do pobo. Fotografías en branco e negro que narran as vivenzas dun pobo que no pasado ano 2016 pasaron a formar parte do libro titulado «Galicia-Agolada», e que serán obxecto dun proxección dentro duns días.

E é que o holandés ten previsto permanecer en terras agolenses os primeiros días de febreiro, datas que aproveitará para tomar parte en varias actividades que xa están pechadas.

Ton van Vliet ten previsto chegar á comarca de Deza o próximo día 1 de febreiro e o venres xa ofrecerá unha proxección no Auditorio de Muimenta a partires das 20 horas. Un acto aberto ao público en xeral no que o fotógrafo holandés amosará boa parte das instantáneas captadas na súa primeira viaxe ao municipio de Agolada nos anos 70.

Ao día seguinte Ton van Vliet será recibido oficialmente no Concello de Agolada polo alcalde Ramiro Varela e outras autoridades e posteriormente xirará visita aos rehabilitados pendellos, dos que o fotógrafo garda imaxes da súa etapa antes de seren obxecto de recuperación. Xornada na que participará tamén nunha mesa redonda sobre demografía e ofrecerá a segunda das proxeccións programadas. O programa da tarde arrancará ás 17.00 horas no Auditorio Manuel Costa Casares cunha proxección comentada de fotografías tiradas no municipio xa coñecidas e incluso outras inéditas que gardaba Van Vliet da súa primeira estadía en Agolada.

Para rematar a xornada haberá unha mesa redonda centrada na perda demográfica que padece Galicia e na que participarán especialistas na materia como Lourenzo Fernández, Manuel Blanco ou a directora xeral de Dinamización Demográfica. Acto no que poderán participar todos os interesados xa que é aberto ao público interesado.