Luis Coego: «Investimos nunha planta para concentrar 200.000 litros de soro»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

rober amado

A empresa queixeira que vende os seus produtos en grandes superficies do país está modernizando as instalacións

07 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dunha reunión de amigos, con desexos de facer algo diferente no seu pobo relacionado co sector primario, naceu no ano 1984 Lácteos Farelo; unha das empresas que recibirá o vindeiro sábado na cuarta edición da Xuntanza Empresarial un dos premios AEDeza, o concedido polo Concello de Agolada onde terá lugar este ano a celebración. Un inicio empresarial que lembraba con precisión o xerente da firma Luis Coego.

-A aportación que fixeramos daquela para levantar a primeira instalación fora duns 20 millóns das antigas pesetas, e parte cunha axuda do Banco de Crédito Agrícola; logo xa se realizaron máis inversións.

-Despois de máis de trinta anos de actividade chega este premio, ¿que significa?

-É un recoñecemento a unha traxectoria empresarial que arrancou no 1984 apostando polos produtos da terra e con 1.500 litros que faciamos directamente. Actualmente estamos con 25.000 e elaboramos queixos cinco días á semana. Comezamos a actividades con dous traballadores e hoxe contamos con doce postos de traballo directos.

-Que tipo de queixos saen na actualidade da empresa?

-O queixo de Lácteos Farelo máis coñecido é o de textura blanda pero tamén elaboramos a marca blanca Auchan para Alcampo, e logo está o noso queixo de barra, bola, o curado e un que estamos sacando en cuñas que está a ter moito tirón. Estamos a facer un produto punteiro e moi coidado e creo que se están vendo os resultados dese traballo realizado.

-Onde están presentes os seus produtos?

-Comercializamos os produtos en todas as grandes superficies: Alcampo, Carrefour, Lidl, Froiz, Gadisa... o de antes de ir repartindo os queixos polas tabernas espalladas polo rural xa non é factible ao estar na súa ampla maioría pechadas. De todos os xeitos sempre intentamos e seguimos apostando por facelo chegar ao maior número de sitios posibles. Contamos con distribuidores en Madrid, Barcelona, no País Vasco...

-Por onde pasa o futuro da empresa?

-Pois estamos facendo unha inversión grande para modernizar as instalacións e nunha planta para concentrar 200.000 litros de soro ao día. Antes había que tiralo e agora pode repercutir positivamente nas contas da empresa. Outra meta e seguir medrando e chegar aos 50.000 ou aos 60.000 quilos de produto.

-A que se destinará o soro?

-Pode empregarse, por exemplo, para produtos infantis.