A última telleira de Agolada e o seu futuro

daniel gonzález alén LALÍN

AGOLADA

historia de galicia de 1962

Queda en pé a edificación case completa, de dúas construccións adosadas, ao carón dun regato de auga

30 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de que o amigo Xosé Ramón Blanco Salgado dera aviso da localización das antigas telleiras que funcionaron deica mediados do século pasado na parroquia de Agra (Agolada), requirimos a súa axuda para coñecer a única que queda en pé da decena que noutro tempo existiron nesta parroquia da ribeira ullán e que ben merecía que os propietarios, o Concello e mesmo Patrimonio procuraran a súa restauración ou cando menos a úa conservación, coma unha mostra desta importante industria artesanal e que agora o paso do tempo e o abandono, fan que estas construcións de indubidable valor etnográfico stean en perigo de desaparecer para sempre.

Aínda está por facer un estudio das telleiras familiares que existiron en Deza, pero puideron chegar a medio cento que irían desaparecendo na medida en que se ían ampliando ou creando outras xa coma «cerámicas» de tipo industrial das que foron exemplo as do Toxo e Sello en Lalín. Daquelas antigas telleiras dezás adicadas a fabricación da tella típica e nalgúns casos tamén ao ladrillo, só quedan algunhas mostras coma a que nos ocupa, a lembranza dos mais vellos ou a toponimia, xa que na maioría dos casos a pedra, o solar que ocupaban e as edificacións das telleiras foron dedicadas a outras finalidades.

Na paraxe de As Telleiras, entre as fragas e as praderías de Agra, ao carón dun vello camiño de arrieiros e un regueiro que decorre cara o Ulla, perdura o topónimo que testemuña a existencia destas pequenas explotacións familiares que noutro tempo fornecían aos vecinos dos contornos da estimada tella curva do país que dende séculos atrás foi substituíndo as lousas de pedra e o colmo dos tellados de Deza.

Aquí queda a mercede da ruína última telleira da zona e quizais unha das últimas da comarca

dezá. Da coñecida coma Telleira do Berredo de Arriba ao carón do regato local do que se abastecía da auga precisa queda en pé a edificación case completa formada por dúas construcións adousadas de semellantes dimensións que ocupan conxuntamente uns 40 metros cadrados de superficie. Das dúas a mais interesante e a situada mais ao Leste destinada a forno de uns 4x3 metros de planta por uns 3,5 de altura, un deles por debaixo do terreo circundante onde se metía a leña para quentar o forno que tiña os respiros, a ras de chan a xeito de grella, todo el con cachotes de xisto e só os marcos e linteis das das dúas portas con que conta son de cantería aínda que na superior faltan labras.

A outra construción semellante a citada, ten uns 4 x 4 metros de planta e 2,5 metros de altura tamén é de cachotería e madeira no marco da porta e nas trabes e conserva o tellado a dúas augas feito con tellas fabricadas na propia telleira. Debeu ser usada coma almacén e acubillo dos traballadores cando era preciso xa que boa parte do labor realizábase ao aire libre aproveitando os meses de mais calor do ano.

O barro para esta explotación obtíñano facendo gabias superficiais nas terras derredor da telleira. Mesturado coa auga do regato facíase a masa que requiría notable esforzo e a axuda dunha besta ou unha xugada olo xeral. Entre os apeiros que se precisaban estaban o bidón, o banco, a peneira, a grade, o cepillo e a forma. Logo de preparadas e xa coa forma as tellas deixábanse secar e logo acomodábanse no forno en ringleiras.

«É a hora de que este patrimonio etnográfico non fique no esquecemento e se recuperen as construcións mediante un plan de recuperación arqueolóxica como se fixo cos pendellos. Ben dun xeito público adquiríndoos ou mediante axudas aos seus propietarios», comentou o noso guía e amigo Xosé Ramón Blanco, sempre interesado polo progreso deste municipio do que foi concelleiro tempos atrás, e a onde habemos voltar axiña para ollar o conxunto megalítico do Monte das Mámoas agardando contar novamente coa participaron dos nosos amigos e colaboradores Ángel Utrera, Manuel Regueiro e Paco López Cuiña.